«Houbo grandes dificultades para sacar a Mostra de Viveiro adiante»

A gran gala será este domingo, o broche de ouro para pechar a semana chea de folclore internacional


VIVEIRO / LA VOZ

Esta fin de semana fará a 38ª edición da Mostra Folklórica Internacional en Viveiro, grazas ao tesón de Bágoas da Terra que preside Maricarmen López «Chipe».

-Deses 38 anos, sempre sempre coa Mostra e con Bágoas.

-Si, dende a primeira edición. Botei a andar a Mostra e sigo ao pé do cañón con ela e co grupo organizador, Bágoas da Terra, camiño dos 50 e pico anos, case 60. Non é fácil dar continuidade a unha actividade e estar tirando sempre polo mesmo temón. Non é fácil e tampouco o relevo, aínda que si hai xente moi válida, temos xente nova. Para moitos dos cometidos está moi capacitada, de feito nos está axudando en bastantes menesteres, pero hai cuestións máis ingratas como temas económicos que non son doados de conseguir. Incluso unha que ten rodaxe e experiencia ve que non da chegado, que non é fácil. As axudas vanse mantendo, o cal é un logro infinito pero as cousas van a máis, suben de prezo e manter no tempo isto é un logro, grazas a que estamos subvencionados polo Ministerio de Cultura, polo Concello de Viveiro tanto en metálico como con infraestrutura, e pola Xunta de Galicia. Temos unha pequena lagoa que se perdeu, porque de algunha maneira nos dimos de conta de que na Deputación non nos trataban, a valoración da actividade en si quero dicir, como pensabamos que mereciamos. Así que, a ver se se recupera esa axuda da Deputación, que é importante ao ser un organismo provincial. Mostra non hai outra igual, é un evento único en toda a provincia de Lugo. Esta está integrada na ONU e pertence á CIOFF da Unesco. Cremos que é un bo momento para que volva a valorar este evento, que debería ser un orgullo tanto para os viveirenses como para o resto dos lucenses.

-¿Como foi organización ao final?

-Foi un ano de grandes dificultades para sacar a Mostra adiante, tamén a nivel social. Por exemplo, caeron grupos porque non daban concedido os visados por temas de terrorismo. O grupo de Bulgaria ía vir a través do aeroporto de Istambul e cancelou a viaxe cando foi alí o atentado. O que ocorre a nivel mundial tamén salpica o cometido da Mostra. Outros festivais tamén están con grandes problemas e quedáronse practicamente sen grupos estranxeiros. Pero creo que esta de Viveiro vai ser unha Mostra do nivel e categoría de sempre, do folclore mundial. Non vén Polonia pero vai vir México.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Houbo grandes dificultades para sacar a Mostra de Viveiro adiante»