
Os futbolistas e o Concello convencérono para que cumpra o seu 15.º ano seguido á fronte da canteira
26 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Francisco Vizoso Rojo (Viveiro, 1961) estivo a piques de deixar este verán a coordinación da base do Viveiro tras toda unha vida adicada ao fútbol.
-Por que quixo deixalo?
-Principalmente por motivos laborais. Sairame un traballo fóra de España. A presión dos xogadores e o moito apoio do Concello fixéronme repensar a decisión. E ademais tiven que someterme a unha operación que fixo inviable o traballo.
-E non lle faltou tempo para volver ao traballo. Uníronse á Escuela de Fútbol... e ao Praia de Covas?
-Está feito. Faltan moi pequenos flecos, pero teño o si de Emilio Rosanes.
-Que cambia con isto?
-Principalmente que todos defenderán ao Viveiro Club de Fútbol, pertencerán á mesma directiva e vestirán ca mesma camiseta, celeste. Serán 250 xogadores e entraremos no rango dun dos 25 clubs máis grandes de Galicia, co que iso supón en canto a apoios.
-Terán que aumentar o número de equipos...
-Si, por suposto. Non imos deixar un só neno sen xogar. Xa llo deixei claro aos pais na reunión da semana pasada: faranse os equipos que sexan necesarios para que todos xoguen.
-Levan dous anos asociados ao Deportivo. Os resultados son os esperados?
-Quédome con que cando un rapaz se lesiona, ao momento pode ir ao médico ou o fisio do Deportivo. Iso é máis importante que te inviten a ir a Riazor.
-No deportivo, veñen dun ano histórico, con tres equipos en Ligas Galegas.
-Por desgraza vai ser moi difícil que se volva repetir tras o descenso do infantil. Somos conscientes de que vimos dunha época moi boa, mandando xogadores para o Depor, o Celta... o lóxico é que agora veña unha época non tan boa.
-Buscarán talentos na comarca?
-Ningún club está disposto a axudar. Este ano só o fixo o Lourenzá. Deberíamos axudarnos máis, todos. Se fixésemos forza, nos unísemos, facendo tres equipos de toda a comarca, poderíamos telos a todos en Galega. Pero cada un tira para a súa casa. Agora venlle unha etapa boa ao Burela, subirán varios equipos a Galega, pero sen apoio dos clubs da zona é difícil que dure.
-Só Arturo foi tentado este ano polos grandes galegos?
-Non, el irá ao Depor, pero tamén vai estudar fóra. Chamaron a moitos outros e case todos priorizaron estar aquí. Chegaron ofertas do Ferrol, do Lugo...
-Leva 14 anos coordinando a canteira. Cantos traballando polo fútbol de Viveiro?
-Metido no fútbol de Viveiro levo uns 35 anos. Xa estou traballando cos fillos de moitos dos primeiros xogadores que levei.
-Algún xogador que o marcase?
-Dos recentes, especialmente Fede. Ese rapaz vai chegar moi lonxe, ten algo distinto. Xoga no filial do Porto e a Lopetegui namorouno.
-Cambiaron moito os nenos neste tempo?
-Cada vez lles gusta menos o fútbol. Antes un xuvenil daba o que fora por ir co Viveiro, agora case hai que obrigalos. Hai excepcións, como Arturo ou Álex Paz.
-E os pais?
-Todos pensan que teñen na casa a Maradona, pero a min respéctanme. Aquí non hai favoritismos, as regras son iguais para todos e as decisións tómanas os adestradores. Ata pensamos en facer os adestramentos a porta pechada, porque cando veñen os pais os nenos están máis atentos a eles que de pasalo ben co fútbol.
-Cambiaría algo na canteira do Viveiro?
-Non me gusta que paguen por estar aquí, pero non nos queda outra. Os pais deberan saber tamén que pagan por adestrar, por facer unha actividade; xogar xoga quen o merece.
-Hai seis anos que se separaron do primeiro equipo, como están as relacións?
-Teñen unha idea de fútbol que eu non comparto, traendo tanta xente de fóra. En calquera caso, a relación con Gundín é moi boa. Imos entendernos ben.