860.000 euros para remodelar a Avenida da Mariña en Foz

s.c. / d. g. FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

p. losada

A conselleira Beatriz Mato asinou o convenio co alcalde focego

16 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi onte nun día espléndido, ás 12.30 horas no Concello de Foz: a

conselleira de Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinaba no Concello de Foz co alcalde Javier Castiñeira un importante convenio polo que a consellaría inviste 860.000 euros na remodelación da Avenida da Mariña.

En concreto a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 860.000 euros entre este ano e os dous seguintes na remodelación da Avenida da Mariña, ubicada no centro urbano do concello de Foz. Así se establece nese convenio asinado onte pola titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Javier Jorge Castiñeira, que foi ratificado polo Consello da Xunta. Ao acto tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

Os traballos incluirán a ampliación das zonas peonís, o incremento de áreas verdes e renovación do axardinamento e a mellora do mobiliario urbano e do pavimento incrementando así a accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas. Un cambio importante.

Un Foz «máis bonito»

Neste senso, dentro da ampliación das zonas peonís, vaise reorganizar o tráfico e agrupar as prazas de aparcamento, de tal forma que se poidan intercalar illotes para os peóns. Así mesmo, para a mellora do mobiliario urbano, renovarase a rede de alumado e crearanse puntos de xestión para os colectores de residuos, reducindo o impacto visual e tamén os malos olores.

«Este convenio vai contribuír á rexeneración urbanística dun importante espazo público do concello de Foz», salientou a conselleira Beatriz Mato.

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010, e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

PXOM e depuradora

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente destacou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Foz se atopa xa na recta final da súa tramitación, polo que espera que pronto se poida sumar aos 89 concellos que contan con PXOM.

Beatriz Mato tamén anunciou que «temos prevista tamén unha obra moi importante para o saneamento e depuración, imos investir 8 millóns de euros na construción dunha nova depuradora en Foz». Segundo explicou a conselleira, o convenio para dotar á localidade desta nova infraestrutura será aprobado polo consello da Xunta antes de rematar o verán.

Castiñeira agradeceu á conselleira o compromiso e interés amosado con Foz.