«O que máis nos preocupa por urxente na Mariña é o futuro de Alcoa-San Cibrao»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

O candidato di que o cidadán de a pé «está canso de promesas e quere realidades tanxibles»

22 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«A xente está cansa de promesas, quere realidades tanxibles. Lugo é unha provincia castigada e na Mariña tamén se percibe». Quen asi fala é Miguel Anxo Fernán Vello, cabeza de lista de En Marea ao Congreso pola provincia, o mesmo que denuncia que máis de 204.000 galegos tiveran que emigrar e que Cáritas recoñeza publicamente que a axuda que presta ás familias na provincia aumentou nun 60 %. «Non se pode permitir isto por máis tempo», manifesta.

-¿É máis intensa a campaña de En Marea nesta ocasión?

-Moito máis. Hoxe (por onte) estiven en Vilalba, logo en Chantada, logo en Lugo. Xa pasamos os 4.000 quilómetros de ruta en campaña, que superan con moito a anterior. Esta é unha campaña de proximidade, de contacto coa xente. Hoxe (por onte) tocou escoitar os problemas das praceiras da praza de abastos de Lugo. Percibo máis receptividade na xente.

-¿Que proxectos plantexa En Marea para a comarca?

-Preocúpannos os problemas das malas comunicacións. A N-642, ese campo minado de fochancas e de baches que os veciños veñen dennciando desde hai tempo.... Preocúpanos o estado da N-634 e tamén a A-8 no Alto do Fiouco, para o que non hai aínda solución. Preocúpanos a demora co corredor costeiro, que nós pensamos que debía ser unha autovía. Tamén reivindicamos a modernización do Feve..., pero o que nos preocupa de forma central e urxente é o futuro de Alcoa-San Cibrao porque comprobamos que na Mariña está medrando unha certa alarma. Hai unha medida urxente, que é a poxa eléctrica. Tense que garantir unha tarifa electrica estable non só a medio senón a longo prazo para que Alcoa teña unha seguridade produtiva, aínda que tamén, igual que no País Vasco, nós defendemos unha tarifa eléctrica galega que teña en conta a situación específica de Alcoa. Facemos nosas as demandas do comité de empresa de Alcoa e cremos que si se produce unha venda das dúas fábricas, teñen que ir as dúas unidas. Tamén lle hai que esixir á empresa un plan de investimento industrial nas plantas. A propia Xunta e a Administración teñen que garantir esa posibilidade. Alcoa, non hai moito, en Islandia, investiu 20 millóns de euros. En San Cibrao non hai investimento real.

-¿Teñen propostas específicas, aínda que sexa en clave galega, para os sectores pesqueiro e forestal?

-Tanto o de Celeiro como o de Burela son portos pesqueiros de referencia no Cantábrico, con certa especialización. En Marea defende a posibilidade de proxectar a riqueza forestal a través da exportación portuaria. A Mariña ofrece amplas posibilidades que convén dinamizar e internacionalizar e nós esiximos unha autoridade portuaria para a provincia de Lugo, para que poda ter capacidade de decisión para abordar as necesidades. Todo o que sexa crear máis riqueza é algo que redundará en emprego, benestar e crecemento. A provincia de Lugo depende en moi boa parte da Mariña.

-As súas enquisas ¿danlles un segundo deputado pola provincia?

-Hai un gran nervosismo no PP porque saben que o sorpasso de En Marea ao PSOE é algo que se pode constatar. A parte dese senador por Lugo, hai altas probabilidades de que obteñamos o segundo deputado no Congreso. O voto útil en Galicia da esquerda está en En Marea.

«Defendemos a posibilidade de proxectar a riqueza forestal a través da exportación portuaria»

«A parte dese senador por Lugo hai altas probabilidades de que obteñamos o segundo deputado»