«Para min o San Xoán é máxico, especial, con el chega o verán»

Y. GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

x. ramallal

De xoves a domingo, a parroquia viveirense dará paso ao verán con ritmo, acctividade de baile arredor do lume

22 jun 2016 . Actualizado a las 17:55 h.

A chegada do verán é inminente. Xa o albiscamos cando o sol vai pegando con forza e leva á xente á praia, pero tamén cando se anuncia festa. Así será en Covas (Viveiro) un ano máis esta semana. É a chamada do San Xoán, como di Natalia Yáñez, que preside a comisión de festas.

-¿Cantas persoas forman a comisión e como se leva?

-Sete persoas. Lévase ben. Este é o noso cuarto ano de organización, co cal é máis fácil todo. A experiencia vale un grao.

-Pese á experiencia, sempre haberá algunha incertidume.

-Si. Nunca sabes se vas chegar a cubrir o gasto no que te metes, tes a dúbida de que a xente poda dar ou non, pero polo xeral chega. Aínda que nos foi ben sempre, sempre tes ese temor pois por razóns de traballo, pola vida, as circunstancias que sexan hai quen non pode colaborar. Iso é normal que pase.

-O programa ten un perfil clásico. ¿Éxito asegurado?

-Nós pensamos que si. O xoves 23 será a primeira lumeirada con grandes orquestras como Panamá Band ou Charleston Big Band, o venres 24 haberá misa e procesión e gran verbena, o sábado 25 tamén e haberá a gran sardiñada. O domingo 26 estará dedicado ao Día do Neno.

-Outra dúbida máis, ¿haberá sardiña suficiente este ano?

-Ata agora sempre a houbo pero a desta temporada din que é pequeniña e hai pouca. Esa é outra dúbida nosa pero sempre nos quedará o churrasco. Unha persoa estase encargando de mirar se hai sardiña en varios portos.

-¿Como lembra esta festa?

-A nosa ilusión era acabar o cole. Era un furor. Antes carretábase toda a leña para a praia e competiamos entre nós, a ver cal era máis grande. É un ambiente máxico, especial, que abre as festas e di ‘aquí chegou o verán’.

-¿Algo máis que queira transmitir aos veciños e visitantes?

-Simplemente dicir que esperamos que a xente disfrute a tope e que o pase moi ben no San Xoán de Covas.

«Unha persoa estase encargando de mirar se hai sardiña en varios portos»