De vendas e vivendas; o mercado inmobiliario na Mariña


ntes de nada debo dicir que non son arquitecto, nin urbanista, nin aparellador; solo un traballador dunha inmobiliaria, e o único que avala o meu parecer é a longa experiencia e a loita diaria no difícil mercado presente. Asemade direi que facer predicións en economía é perder o tempo, pois nin os máis sabidos coñecen o remate de tódolos vieiros.

Todo o mundo coñece os antecedentes da actual situación: unha desmedida avalancha de crédito ofertado polas entidades financeiras inundou o mercado de liquidez propiciando que mercar e producir vivendas se convertese nun bo negocio, un negocio no que parecía ?repito parecía? imposible non obter rendibilidades altas pola continua suba dos prezos (unha pirámide Ponzi clásica); debe sumarse a isto o nulo control exercido polas autoridades financeiras ?sobranceiramente o Banco de España? , e a engolemia fiscal das administracións que viron inundadas as súas arcas dos impostos derivados das transmisión e outras alcabalas. E aconteceu o que tiña que acontecer: as empresas morreron de éxito e os compradores particulares víronse atrapados polo remuíño dos aconteceres; os bens adquiridos ?vivendas e solo? pasaron a valer pouco ou nada, empobrecendo ás familias e as compañías. No caso particular da Mariña, a meirande parte dos adquirentes non eran nativos, eran clientes en busca de segunda residencia que apostaron pola nosa bisbarra. Por outra banda as firmas construtoras e promotoras mariñáns eran de tamaño pequeno ou mediano, aínda que, iso si, moi áxiles e dinámicas, capaces de acadar mercados impensables antes da chegada do euro. E pola terceira lei de Newton ?tan hispana? prodúxose o principio de acción/reacción, pasando de vender toda a produción a elevados prezos, a vender pouco ou nada nun cativo espazo de tempo, deixando un ronsel de familias entrampadas, traballadores despedidos e empresa auxiliares, pola transversalidade do sector, na ruína. O exceso de produción, chegado este punto, era de tal magnitude que sobrepasaba con moito a calquera outra zona de Galicia ?incluíndo as grandes cidades? ao que houbo que sumar unha vergoñenta inseguridade xurídica, impropia dun país desenrolado.

Atopámonos pois, fai pouco máis dun lustro, con un enorme stock de vivendas rematadas ?e moitas sen rematar?, solo adquirido a prezos desorbitados, unha brutal contracción do crédito, unha economía en recesión e a deriva, a meirande parte da industria en concurso de acredores ou liquidación (co que moitos dos seus activos pasaron a mans de entidades financeiras ou ao Sareb), e por riba múltiples conflitos urbanísticos ?algúns aínda nos xulgados? propiciados pola incompetencia das administracións e a incuria e inanidade de algúns políticos.

A

Prezos de fai 30 anos

Diante de tal panorama, de absoluto derrube, o mercado empezou a moverse paseniñamente por mor dunha brutal corrección dos prezos que acadaron cifras á baixa semellante ás de fai 30 anos; as empresas aplastadas polo peso da débeda, reconvertéronse en simples, pero eficaces, comercializadoras na procura da liquidación dos seus activos, e a banca tomou a determinación de liberarse dos produtos «tóxicos» que tanto a comprometían (as caixas de aforros, como tales, deixaron de existir). Estableceuse pois, un certo dinamismo nas vendas, lento pero imparable froito do descalabro dos prezos e o forte atractivo turístico da comarca que foi calando nos potenciais compradores. Os slogans comerciais son elocuentes: piso choio, suicidio de prezos, vivendas a prezo de automóbil, rebaixas, saldo, prezos de demolición, etc.

A día de hoxe, polo antedito, os stocks diminuíron espectacularmente apoiados en dous pilares: a radical corrección dos prezos e a calidade dos produtos e o seu entorno. Debemos sinalar que o sector malvive, perdoen a frase, de «pan vello»: vivendas rematadas algúns anos atrás e o mesmo acontece coa promoción comercial e a publicidade. Non se está construído nada novo, non hai visados de novas edificacións e así permanecerá ata que os prezos sigan por debaixo dos custes de execución e haxa esperanza de beneficios.

As cousas trocaron

É ben certo que as cousas trocaron: déuselle saída a moitos activos, revitalizouse de forma exponencial a comercialización, e os prezos están empezando a subir. A Mariña é hoxe a bisbarra galega que máis vende, con diferenza; aos seus encantos naturais, patrimoniais, culturais, etc., súmase o baixo custe de compra e determinan un auxe sorprendente. Os prezos están empezando a subir, lenta pero constantemente. É tempo de comprar . É difícil repetir as presentes condicións: custes baixísimos, os xuros preto do cero e unha oferta completa e variada.

Non é menos certo que o sector da construción nestas condicións está inerme, que quedan promocións sen rematar, que hai problemas urbanísticos sen resolver e que moitos desempregados da construción teñen difícil ?case imposible?, a volta aos seus antergos traballos.

Por resumir todo o antedito: Primeiro: todos os propietarios de bens raíces da comarca viron rebaixados os seus niveis de patrimonio. Somos máis probes que fai dez anos. Segundo: os prezos soben. Non é tempo de vender senón de mercar. A construción superará este abismo, pero de forma moi pausada e a longo prazo. Os miles de postos de traballo perdidos non se recuperarán en moito tempo. Terceiro: as entidades financeiras está abrindo a billa do crédito. E en definitiva o seu negocio. E por último: debemos aprender do pasado ?cousa ben difícil- para non turrar co mesmo muro?.

Agardo haberlles sido útil.

Manuel Alberto Fraga Otero. Inmobiliaria Nós

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

De vendas e vivendas; o mercado inmobiliario na Mariña