Medio Rural inviste 168.000 euros na Mariña para previr os incendios

Serán mellorados os cortalumes, aínda que A Mariña é das zonas menos afectadas

Raquel Arias na reunión de onte en Celeiro con Víctor Martínez, xefe de distrito forestal.
Raquel Arias na reunión de onte en Celeiro con Víctor Martínez, xefe de distrito forestal.

viveiro / la voz

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, mantivo onte á mañá na sede de Medio Rural en Celeiro unha reunión de traballo con persoal técnico do distrito forestal da Mariña, encabezado polo xefe de distrito Víctor Manuel Martínez.

Un dos asuntos abordados no encontro foi o referido ás obras de prevención dos incendios forestais que se acometerán na comarca este ano con vistas ao verán e que se centrarán basicamente no acondicionamento de pistas e no desbroce e mellora das áreas cortalumes.

As actuacións nesta primeira fase, ás que a Consellería de Medio Rural destinará preto de 168.000 euros, xa saíron a concurso e, segundo indicou a delegada, «prevese que estean adxudicadas a finais deste mes. Aínda que as obras afectarán a cinco concellos mariñáns, será o de Viveiro o que acapare a meirande parte do orzamento».

A delegada territorial da Xunta incidiu no traballo que realizan durante todo o ano as brigadas de medio rural nesta comarca, centradas fundamentalmente en desbroces, podas e melloras de pistas, que dende o ano 2009 supuxeron un investimento de 1,5 millóns de euros.

«Galicia é a primeira potencia forestal do Estado e a novena no ámbito europeo -sinalou Raquel Arias-, e consciente desa fortaleza a consellería incrementou os fondos dedicados ó monte para, ademais de previr os efectos dos incendios, fomentar a silvicultura; a comercialización de produtos forestais; a reforestación e a creación de superficies forestais; ou a constitución de Sociedades de Fomento Forestal (Sofor)».

«Con respecto ao pasado exercicio, de feito, a Xunta duplicou o investimento produtivo no monte, ao pasar de case 25 millóns a preto de 51 millóns, para fundamentalmente fomentar a xestión sustentable, a agrupación de propietarios ou o impulso do uso da biomasa con fins enerxéticos, entre outros obxectivos», salientou a delegada da Xunta.

Neste contexto Raquel Arias puxo en valor, por exemplo, «que o pasado ano a Consellería de Medio Rural realizou tratamentos silvícolas (rozas, podas e rareos basicamente) para a prevención de lumes en 450 hectáreas de montes veciñais e man común da Mariña. Máis do 60 por cento desta superficie corresponde ao concello de Viveiro». A Mariña é unhas das zonas de Galicia menos afectadas, non obstante, polos incendios forestais no verán debido precisamente á ordenación do monte, ao cuidado e mantemento do mesmo por parte dos propietarios.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Medio Rural inviste 168.000 euros na Mariña para previr os incendios