«Estaremos á altura da Semana Santa viveirense»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

A formación musical actúa hoxe dentro do programa Adral

12 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A música sempre está en primeira liña na Semana Santa de Viveiro, declarada de Interés Internacional. Non se ve pero escóitase e séntese, con emoción. É posible na axenda relixiosa a piques de comezar pero tamén dentro do Programa de Difusión Cultural Adral co que a Xunta de Cofradías amosa a labor de varios grupos. Hoxe tócalle o turno á Banda Municipal de Música de Viveiro, ás 20.30 na igrexa de San Francisco, con Carlos Timiraos, director, á batuta.

-A Semana Santa e a súa antesala que é Adral suporá unha época moi activa para a formación.

-Si. Cando se puxo en contacto con nós a Xunta de Cofradías, coma todos os anos, vinme como director na obriga de elaborar un programa acorde coa época na que estamos entrando. É monográfico, de música relixiosa. A primeira parte está conectada coa segunda, como adoito facer. Na primeira a banda interpretará tres obras que teñen motivos relixiosos, porque as tres son corais, nas que os compositores son do século pasado pero os que arranxan para banda sinfónica aínda están vivos. Esa é a conexión, co fin de darlle a cor e a instrumentación do século XX.

-¿Como será o repertorio?

-A primeira obra é coral de Bernardt Zweers. Despois o Panis angelicus, tremendamente coñecido, un dos signos escritos para a festa do Corpus, orixinal de Cesar Franck e arranxada por Alfred Reed. Acaba a primeira parte unha obra de Thomas Boos, unha inspiración coral que vén dada da quinta sinfonía de Anton Bruckner. Na segunda parte, máis a destacar, é a primeira vez que a banda interpretará unha misa orixinal para banda sinfónica e coro. Estreouse en xullo de 2002 por Jacob De Haan. Cando preparei o repertorio comentei á directiva da banda se había posibilidade e cando falamos con Javier Fajardo, o director do Tempus Fugit, aceptou a idea de mil amores. Hai que destacar o seu traballo, porque o coro é de nivel altísimo. Reflicte o nivel cultural e musical das voces deste pobo. E que mellor que facer un estreno así.

-Un concerto espectacular, logo.

-Os músicos da banda xa din que é un concerto de música con maiúsculas, por ben trimbada, instrumentada e elaborada. No ámbito relixioso sempre naceu unha música de calidade artística. É todo un luxo, a verdade.

-Poder participar nunha Semana Santa coma esta será outro.

-A banda leva dous meses traballando marchas de procesións e con novos membros como os pequenos que se incorporan. Para min será a primeira Semana Santa de Viveiro como director. Como músico que fun desta banda dende neno, sei do compromiso da banda coa Semana Santa e o nivel de esixencia. Estaremos no noso mellor nivel e á altura.

-¿Gústalle a música relixiosa?

-¡Encántame! Como músico profesional e melómano que son podo escoitar calquer tipo de música pero esta é maiúscula.