«Fixemos unha manifestación no 80 en Ferreira para pedir luz para O Cadramón»

Inmaculada Eiroá González
INMA EIROÁ O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

Na súa parroquia do Cadramón, este sábado, no medio da neve.
Na súa parroquia do Cadramón, este sábado, no medio da neve.

Leva de condutor do transporte escolar no Valadouro máis de dúas décadas

29 feb 2016 . Actualizado a las 14:16 h.

Atilano Fernández (O Cadramón, 1955) leva parte da súa vida no transporte escolar, levando aos rapaces ao colexio do Valadouro e ao IES. Vive nas Fogueiras, un dos barrios máis altos da parroquia, pero mantén tamén vivenda en Ferreira.

-É frecuente no Cadramón, iso de ter casa alí e en Ferreira

-Bueno...É frecuente, porque cando un vai vello hai que achegarse máis a un centro médico. Na aldea agora xa se vive mellor que se vivía antes, tes servizos, tendo diñeiro, vai o panadeiro, a froita, conxelados, peixe fresco. Agora non hai nada illado, pero sigo mantendo a dobre vivenda e seguirei, porque onde nacín non vou esquecelo e miña nai aínda vive.

-O coñecen moitas xeracións de cativos do Valadouro.

-Bueno, algunha si. Xa fixo 22 anos en setembro do 2015 que estou no transporte de menores. En nese tempo si que coñecín rapaces; casualmente agora algún que levei de pequeno véxoo e no coñezo. Medran tanto...Ó mellor me din, ?Hola Atilano, non te acordas que me levaches no bus?. E non o recoñezo, de ser un neno, a que teñan 30 anos.

-Pero será agradable que o saúden a un ¿Non tivo nunca problemas con ningún rapaz?

-Non, nunca tiven moitos problemas. Algún argalleiro sempre hai, pero non tiven moita queixa nunca.

-¿Como se meteu de chofer?

-A min gustábame moito conducir e xa emigrei a Suíza porque quería comprar un coche. Naquel tempo merquei un 600; coches non había moitos. E despois decidinme a sacar os carnés, porque en Suíza gañei algún carto e saqueinos todos; tamén é a carreira que teño. E tiven traballando cun camión de obras, e no País Vasco cunha contrata e despois decidinme e botei currículo en Lugo para esta empresa e bueno, botaron un ano e pico sen darme noticias, pero logo tiven a sorte de que chamaron; estou contento, levo xa moito aquí.

-Vostede puido ver a evolución dos tempos, en Suíza e aquí.

-Si, en Suíza estiven o ano 76, 77 e 78, vin en xaneiro do 79. Viaxando por Francia e Suíza vin moitas cousas que non había aquí, naqueles tempos alí estaban practicamente como estamos agora aquí. Aquí non había luz, eu chegaba daquela claridade á miña casa e vía moi mal a meus pais, que estaban alí naquela luz tan pequena...

-E se puxo a reclamar a luz para O Cadramón.

-Bueno, sempre pensei que hai que reclamar o que nos pertence. Eu e outros falamos coa xente e formamos unha manifestación. A parroquia do Cadramón tiña luz de plantas de regos, pero cando me marchei, na miña casa tiñamos unha televisión de batería que coa luz non funcionaba, só unha casa que tivera dínamo para ela sola lle podía funcionar. Recordo que nos tempos de cando emigrei a Suíza había que ir cargar a batería á casa dun veciño, a tres kilómetros, e non había coche ata que comprei aquel 600 e ía meu pai nun cabalo cargar a batería para poder ver un pouquiño a televisión, naquelas épocas daba gusto. E a raíz deso falei con xente, incluso do Concello, daquela penso que eran da UCD e apoiaron para solicitar a manifestación, que se fixo o 20/04/1980 en Ferreira. E chegounos a luz no 85, 86. Daquela viñamos da ditadura e a meu pais tiñan medo, non querían formar barullo, pero eu dixen, non, non facendo mal a ninguén non teñen tampouco por qué facernos mal a nos.

-¿Sumouse moita xente á protesta ?

-Había bastante (...) Eu incluso os animaba a acompañarnos; iamos por diante do Asturias e saía a xente á porta dos bares porque era unha novidade e eu dicíalles, vídevos con nós. E bueno, fo*---i todo moi ben, eu ía falando cun aparato. Penso que algo puido valer, porque fixémonos oír nas administracións e cando no 82 se puxo o reemisor, xa case estaba a luz posta, pero aquel ano houbo que ver os mundiais con motor de gasoil no reemisor. E despois foise poñendo para as casas e no 85 chegou. (...) A luz foi un progreso. Nosoutros tiñamos vacas e non se podía matar un becerro para comer porque se perdía, ou había que salgalo. A raíz deso se foi comprando unha neveira, un conxelador...