«Agora é unha etapa ilusionante por haber unha edila caboverdiana»

A MARIÑA

A publicación foi froito da tese que defendera sobre a comunidade dende 1978

26 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa falaba no ano 2013 Luzía Oca (Ribadeo, 1971) nestas mesmas páxinas a fondo sobre a inmigración caboverdiana en Burela a través da súa tese defendida na Universidade de Santiago e con sobresaínte cum laude, que fixera da implantación da comunidade na comarca de A Mariña dende o ano 1978. Hoxe volta a abordar a cuestión porque neste venres presenta o libro que foi froito da súa investigación académica, Caboverdianas en Burela, editado por Sotelo Blanco, hoxe en Foz (Libraría Bahía, 20.30 horas) e mañá en Burela (salón de conferencias, 18.00). Ademáis, a publicación recibiu o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais o ano pasado. No acto focense recibirá a compaña de Catalina Sánchez e no burelense a de Bernardo Penabade.

-A súa investigación puxo en cuestión a imaxe oficial que se difundía da comunidade. ¿Como a ve hoxe, anos despois?

-Aínda vivín en Burela ata o ano pasado. Non é que cambiara moito. A partir do 2000 o que cambia a comunidade é que se cuadriplica. Agora é unha nova etapa, ilusionante, polo feito de ter o Concello de Burela unha concelleira de orixe caboverdiana. Si creo que tanto simbólicamente como que por coñecer ela por dentro ese mundo, tamén é moi significativo, pero segue habendo moitas cousas por facer, non só cos caboverdianos senón tamén con outras comunidades.

-¿Como está afectando a crise aos caboverdianos? Hai dous anos denunciaba Asociación para a Cooperación con Cabo Verde-ACCVE o aumento do paro e do fracaso escolar.

-Sigo presidindo a asociación pero está inactiva. Un dos problemas máis grandes tén que ver co fracaso escolar e pese a que hai actuacións nos centros, son insuficientes porque falla o sistema e este non ten respostado. Na década do 2000 triplicáronse os alumnos, xa que maioría veu directa de Cabo Verde a Burela ou Foz e é diferente de rapaces que naceron aquí como Angélica [a edila]. É complexo. Os que naceran aquí foron apátridas ata o 2000 e vivían nun modelo de asimilación na escola, pero logo na década de 2000 hai outros que seguen nacendo aquí, xa con nacionalidade española, pero tamén chegan moitos nenos e nenas e adolescentes de Cabo Verde. Igual chegaron 70 que foron metidos nos centros pero o sistema non o preveu, tanto que se fala da comunidade e dos exemplos. Poderíanse haber feito proxectos marabillosos a partir do 2000. Coa crise deixan de vir traballadores, pero por reagrupamento familiar, si veñen máis mulleres e fillos. Cambiou a realidade por completo. De infantil a ESO houbo un momento en que nun colexio eran un sexto da matrícula. Chegou xente en idade de escolarización obrigatoria e cada centro buscouse a vida como puido e con poucos medios, pero se podería ter feito unha intervención boísima porque aquí se coñecía a realidade.

-¿Que segue a quedar na súa vida da etapa na que traballou en Burela cos caboverdianos?

-A miña filla. Aparte, foron moitos anos e sigo indo a cabo Verde. Quedaron moitas relacións persoais, familiares e novas, o coñecemento do idioma, a comprensión da cultura e, como antropóloga, conseguir realizarme e por en práctica o que estudei, a través do método etnográfico que supón o contacto e a inmersión na cultura, moito máis completo e enriquecedor. Cando cheguei a Burela foi con moita ilusión.

LITERATURA citas

«Coa crise deixan de vir traballadores pero por reagrupamento familiar si veñen máis mulleres e fillos»