Nace un novo doce: a Rosca de Ribadeo

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

Elaborado con améndoa pola Confitería La Alianza, presentarase mañá no Parador

24 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Medrou entre os fornos e os doces, na confitería La Alianza de Mondoñedo, pero recoñece que estes días non escasean os nervios: «Como non estamos acostumados a estes actos, pois un pouco nervioso e expectante si que estou... a ver como vai todo». O motivo é que mañá presentará un novo doce, a Rosca de Ribadeo. Será nun acto aberto ao público, no Parador de Turismo, a partir das sete e media da tarde. Onte, en Radio Voz A Mariña, no programa que se emite diariamente de 11.00 a 12.00 horas, Guillermo Redondas, que tamén esta ao fronte da confeitería La Alianza na rúa San Roque de Ribadeo, falou de como xurdiu esta idea: «Nós vimos de Mondoñedo, onde facemos a tarta de Mondoñedo. Aquí, preguntando aos amigos, vimos que non había un doce propio que levara o nome de Ribadeo, e ocorréuseme facer un sinxelo, que se puidera elaborar na casa, e doado de vender».

-Supoño que ao 100 % non nos pode avanzar cómo se fai... pero quizais os ingredientes.

-Por suposto. A Rosca de Ribadeo leva améndoas, eu acostumo a botarlle metade marcano a metade comuna, azucre, ovos, un pouco de auga e raiadura de limón e laranxa. É un postre que non ten moito segredo, doado de facer, pero que ten que levar un punto de cocido como é debido. Ao mesmo tempo, o que fixemos foi unha caixa moi elaborada na que se presenta, que reproduce un debuxo a plumilla que fixo Juan Monteavaro, que mo cedeu, o que lle agradezo moito. Na imaxe vai a Torre dos Moreno, o concello e tamén unha foto da catedral de Mondoñedo, porque son de Mondoñedo. A caixa é moi bonita. É tamén un argumento de venta.

-¿E As Catedrais?

-Evidentemente un produto de este tipo sempre vai enfocado tamén ao turista, para que se leve un recordo da visita con un doce que tamén pode regalar aos amigos. A praia das Catedrais vai máis en pequeno, en un lateral da caixa. Non podía faltar, pero penso que a Torre dos Moreno é tamén moi representativa de Ribadeo.

-¿E de que falamos? ¿De unha rosca dura, de un biscoito para mollar?

-Non é biscoito e tampouco é dura. É un doce similar a unha tarta de améndoa, dura por fóra e por dentro branda. Unha das cuestións da cocedura é que quede un pouco tostada por fóra e branda por dentro, para atoparlle unha diversidade de sabores, para que sendo o mesmo doce non saiba igual por dentro que por fóra. Ten similitudes co roscón de Vilalba... a améndoa, pero é unha rosca que a maiores leva laranxa.

-A confitería La Alianza, un negocio que é un referente en Mondoñedo, dende fai un tempo tamén está en Ribadeo. ¿Que tal vai a cousa?

-En Ribadeo estamos na rúa San Roque, onde estaba Eijo. De feito moitos clientes, sobre todo xente maior, se refiren a nós como Eijo. O certo é que as similitudes entre a confeitería La Alianza e Eijo son evidentes, pola artesanía e a tradición. Chegamos a Ribadeo e como calquera que chega custa un pouco entrar, pero imos pouco a pouco. Producimos coa mesma calidade que en Mondoñedo e é cuestión de tempo.

-¿E qué lle iría ben á rosca?

-Pois calquera licor doce... ou café. É apropiada para merendar ou de postre, máis que para o almorzo. Un Pedro Ximénez, por exemplo, iríalle estupendamente, ou un café, sen mais... iso seguro.

Mañá, degustación gratuíta dese e doutros produtos

Mañá ás 19.30 horas, no Parador de Turismo, celebrase o acto de presentación pública do novo doce. Será aberto ao público e comezará no salón San Roque, coas intervencións do fundador da confeitería La Alianza, Pablo Redondas Losada, e de Guillermo Redondas. Tamén se presentarán as caixas. A continuación, na cafetería do Parador haberá unha degustación gratuíta da rosca e de outros produtos de La Alianza.