«Empecei nos ralis por meu irmán»

A MARIÑA

Ela é a man dereita e de confianza do piloto Ángel Galdo cando van a competicións

23 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Raquel Galdo (Viveiro, 1990) sente verdadeira paixón polo mundo do motor dende que tivo o seu primeiro contacto a través de seu irmán asistindo a ralis. De espectadora pasou a ser copiloto no coche do piloto Ángel Galdo. Comparten o mesmo apelido pero só foi mera coincidencia.

-¿Esixe algunha preparación especial esta afección?

-Ángel, que é o piloto, xa correra de copiloto e foime ensinando. Isto é cuestión de práctica e tempo. Eu levo ao seu carón unhas notas que lle vou cantando: por exemplo dereita 3 [dirección e grao de abertura da curva, que vai en escala de 1 a 5]. En cada tramo hai a posibilidade de pasar tres veces. Eu dígolle por onde tén que ir, imaxínate se me equivoco e lle digo dereita e é esquerda ou recta... Tén que haber confianza mutua, tén que ir seguro do que vou dicindo eu.

-O do copiloto é un papel que esixe bastante concentración.

-Si, non se me pode escapar nada. El conduce pero polas miñas indicacións.

-¿Non lle tenta ser pilota?

-A verdade é que non, porque ao seu lado eu vou segura e sei como corre. Outro ao mellor non me daría confianza ou correría máis... Correr eu non, penso que é moita responsabilidade.

-¿Teñen levado algún susto?

-De momento, grazas a Deus, non. Si que no último rali saiuse a roda do coche, rompeu e aínda teño grabado o momento en vídeo porque levamos cámara dentro. Levamos un susto pero os danos foron só de mecánica e quédaste coas ganas... De feito, aquela foi a primeira vez que me pasou algo así, baixei do coche e acabei chorando e tirando os papeis. Fora no meu primeiro rali e xusto antes de saír. Foi preparar todo para nada.

-¿Por que hai tan poucas mulleres no mundo do rali en xeral?

-Eu, se empecei, foi por meu irmán porque senón seguramente nunca me dera por ir a ralis. Non sei, quizáis as mulleres temos outras afeccións pero agora hai algunha muller máis e algunha en Galicia é pilota. Aínda que as poucas que corren é porque o mozo corre, ou un amigo ou un familiar, etcétera.

-Cando hai accidentes, sobresae a parte negativa. ¿Cre que hai un estereotipo nese senso, sobre todo despois do de Carral?

-Penso que é coma todos os deportes. Pode haber perigo. No caso do rali e no caso noso pagamos de inscripción 330 euros. Para o ano van ser 350 porque subiron os seguros. Temos que ter o coche asegurado coma un de rúa e nós asegurámolo por días, o día do rali, pero hai xente que o tén asegurado todo o ano. Cúbrenos na estrada e en tramos de enlace, todo o que non sexa tramo cronometrado porque neste caso faise cargo o seguro do rali salvo se atropellas a alguén na cuneta ou no campo, se se fora o coche. Sempre hai uns gastos para poder correr libremente e que non haxa sustos. Se hai 150 coches no rali, nós saímos de 120. A xente vai ver os primeiros e cando pasan os 30 ou 40 primeiros empézanse a ir para velos noutro lado. Tamén hai xente que se mete na estrada.

-¿E que opina de quen pense que as mulleres conducen mal?

-No meu caso din que conduzo ben pero nunca me arriscaría a correr. Hai unha responsabilidade. Iría nerviosa por se pasase algo. Sitios que parecen seguros ao mellor non poden selo tanto.

-Se tivera un fillo e quixese ser piloto de rali...

-Bueno, de feito, o meu mozo quere correr e mercar un coche e eu dígolle ?que non, que non?. Dáme medo... non sei, é moi rara a situación porque sei o que é. A el xa lle gustaba o rali pero agora que pode correr e quere, eu dígolle que agarde un pouco.

-Non terá ningún problema para cambiar unha roda, supoño.

-Moito de mecánica non sei... pero o básico si.

-¿Ten coche?, ¿algunha multa?

-Si, teño coche. Si, na variante de Viveiro pero indo a 70, non por velocidade excesiva. E algunha multa por aparcamento. Cos anos aséntase a cabeza. Ángel di sempre que por cada ano de vida perdemos un segundo correndo.

«O meu mozo quere correr e mercar coche e eu dígolle ?que non, que non?. Dáme medo, porque sei o que é»