Arias ou Candia: pulso para ser a primeira presidenta

A MARIÑA

As dúas aspirantes a dirixir o PP provincial ofrecen máis participación aos militantes e queren que repita Feijoo

13 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A renuncia de José Manuel Barreiro a optar a un novo mandato na presidencia provincial do PPdeG abriu un proceso congresual no que dúas mulleres compiten por facerse coa dirección desta organización política. Raquel Arias (Sober, 1966) e Elena Candia (Mondoñedo, 1978) formalizaron onte ás súas respectivas candidaturas, no último día de prazo para facelo. Arias é delegada territorial da Xunta; periodista de profesión, foi alcaldesa no seu municipio natal. Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo, é voceira na Deputación, da que foi presidenta durante un breve período; profesionalmente é avogada e dedícase ao sector dos seguros. As dúas competiron no seu día por ser as candidatas do PPdeG á presidencia da Deputación, carreira da que se retirou Raquel Arias á vista dos resultados electorais. As dúas responderon ás preguntas de La Voz de Galicia. As dúas ofrecen máis participación á militancia na vida do partido e queren tamén que Feijoo volva ser candidato á presidencia do partido en Galicia e da Xunta.

-O presidente Feijoo impulsa un proceso de renovación do PPdeG. ¿Por que cre que vostede representa a renovación e que significa para vostede este proceso?

-Raquel Arias: A renovación non é unha cuestión de nomes propios senón de proxectos e de equipos dispostos a facer cousas distintas dun xeito distinto. Representamos un cambio de actitudes e aptitudes, que deben traer máis transparencia, máis debate, máis pluralidade e máis dinamismo.

-Elena Candia: Hai un dato obxectivo que me sitúa nesa renovación: nacín no ano 1978. Pero máis aló dunha cifra o meu é un proxecto novo e ilusionante que combina o entusiasmo coa experiencia. De todos é sabido que a política xa me situou ante importantes retos que afrontei sempre con valor.

-¿Que cre que diferenza a súa candidatura da que encabeza a súa compañeira e xustifica que os afiliados opten por vostede?

-Candia: Os afiliados teñen que saber que a miña é unha candidatura de progreso, de avance. Eu ofrézolles un proxecto novo no que todos teñen voz. Un proxecto no que participar dende o diálogo, aberto e baseado no traballo en común. Teño ilusión, moita forza, as ideas moi claras e unha gran capacidade de traballo. Estes son os valores sobre os que asento a miña candidatura.

-Arias: Que somos integradores pero non continuistas. A sociedade experimentou unha profunda transformación nos últimos tempos e o PP de Lugo ten que adaptarse a esa nova realidade.

-As dúas ofrecen máis participación aos afiliados. ¿En que se traducirá?

-Arias: Este proxecto está pensado por e para a militancia. A súa opinión influirá de xeito determinante na acción política que desenvolva o partido e para elo articularemos canles de comunicación áxiles e efectivos que lles permitan ter voz máis aló dos períodos electorais.

-Candia: O ofrecemento de participación ten que ir unido aos canles ou procedementos claros para materializala. A creación de xuntas comarcais, o impulso das redes sociais, a obrigatoriedade de reunións periódicas e a delegación na toma de decisións en órganos en que teña presenza a militancia, son clave.

-En clave interna, se asume a dirección provincial do partido, ¿que cambiará con respecto á liña seguida polo aínda presidente, José Manuel Barreiro?

-Candia: Son varias as liñas de traballo. En primeiro lugar propóñome avanzar no diálogo: ofrecer un maior apoio aos grupos municipais da oposición. En segundo lugar, conseguir unha maior presenza no partido dos sectores estratéxicos para a provincia. Temos que ser un equipo que dea visibilidade ás novas xeracións e que pisemos o terreo, que nos acheguemos aos problemas e demandas do militante de base.

-Arias: Estamos nun momento distinto que require actitudes e aptitudes diferentes. O Partido Popular somos todos, e todos os membros desta nova estrutura teremos capacidade de decisión pero tamén todos seremos corresponsables do que decidamos. Cada un terá o seu papel e así conformaremos un partido máis diverso, máis plural, máis forte, máis dinámico e con capacidade para empatizar.

-En relación coa sociedade, ¿que debe ofrecer o PP aos lucenses á vista da evolución dos resultados nas últimas convocatorias electorais?

-Arias: Ilusión. Nós entendemos e asumimos a mensaxe que nos transmitiron os cidadáns e por iso demos o paso adiante e conformamos este proxecto. Fixemos autocrítica e somos conscientes de que hai aspectos que mellorar, empezando por ser un partido máis aberto cara adentro e cara afora. Non temos que ter medo a debater.

-Candia: Teñen que ver en nós unha canle de participación. Un vehículo para canalizar as súas necesidades. Os políticos traballamos para a xente, a ela temos que chegar, temos que escoitar e darlles unha vía de solución. O Partido Popular ponse ao servizo de todas e todos os lucenses, abre as canles de participación e escoita os cidadáns. Ese é o noso compromiso cos cidadáns neste tempo de novas políticas

-¿Núñez Feijoo debe repetir como candidato á presidencia do PPdeG e da Xunta?

-Candia: Si, desde logo

-Arias: É unha decisión persoal que só lle corresponde a el tomar. Pero eu estaría encantada de que seguira a ser o noso presidente.

congreso provincial do partido popular de lugo

«O ofrecemento da participación ten que ir unido aos procedementos para materializala»

Elena Candia

«Este proxecto está pensando por e para a militancia. A súa opinión influirá de xeito determinante»

Raquel Arias