«Espero mellorar o inglés, saír falándoo»

A MARIÑA

Esta estudante de 15 anos, veciña do Cadramón, cursará primeiro de bacharelato nos Estados Unidos

11 feb 2016 . Actualizado a las 09:00 h.

Paula López, unha alumna de 15 anos de idade que cursa 4º de ESO no IES de Alfoz-Valadouro cambiará en poucos meses a paisaxe natal da capela de Santa Filomena e do Cadramón (O Valadouro) polo de algunha vila norteamericana. Seralle posible vivir esta aventura grazas á beca da Fundación Amancio Ortega que lle acaban de conceder.

-¿Como ocorreu?

-Entereime polo IES. Comentoumo o titor na clase. Logo faleino na casa e meus pais apoiáronme e presenteime. Cando pasei a primeira proba púxenme moi contenta e logo cando pasei a oral igual, non o esperaba.

-¿Que tipo de exames pasaches?

-Primeiro fun a Santiago facer un no que seleccionaban os 120 que pasarían á proba oral, por Skype. Nesa proba escollían 40 para ir a estudar a Estados Unidos. Agora teño que mandar unha carta con información para presentarme ás familias de acollida. Son elas as que te elixen. Pero non me vou ata agosto. Os profesores do IES e a profesora de inglés, me axudaron moito, sobre todo a de inglés, porque a proba oral e facer a redacción era todo en inglés. A oral por Skype fíxena dende a casa de miña tía, tiña que expor en tres minutos un tema libre e logo unha entrevista na que che facían preguntas para saber como te comportarías no novo centro, que farías se non atopabas a clase ou si non te entendías coa familia. Eran preguntas para saber si te adaptarías alí.

-¿Que elixiches de tema libre?

-Elixín o deporte; a meu irmán e a meu pai gústalles o deporte e a min tamén e logo expliquei os meus gustos.

-Tes unha notas impresionantes

-Bueno...Sempre tomei en serio os estudos. E na casa sempre me din que os tome en serio.

-Cústache admitir o das notas.

-Si...A ver, nunca me parei a pensar que son a que mellor notas levo, pero si, gústame levar boas notas.

-¿Que media che pedían?

- En terceiro unha media de 7 e 8 en inglés. E tiña 9 en inglés e nove e pico de media.

-¿Que esperas conseguir fóra?

-Primeiro, mellorar o inglés, saír de alí falando inglés, que che axudará moito no futuro; en segundo lugar, aprender a facer as cousas por min mesma, sen axuda de ninguén e logo que é unha experiencia incrible, coñecer nova xente, nova familia, nova cultura. De momento estou contenta.

-¿E teus pais como o tomaron?

-Na casa..A ver, ben, porque sabían que me facía ilusión e por outro lado, con medo porque ata agora nunca me separara deles máis de unha ou dúas semanas; pero aceptárono ben.

-¿Tes afeccións?

-Fai dous ou tres anos facía patinaxe artístico en Ferreira, pero cambiáronme profesora e horarios e tiven que deixalo, Gústame ler, os deportes. Meu irmán é afeccionado ó fútbol e imos xogar e estou nun grupo de pandereteiras, tamén terei que deixalo. E gústame cantar e bailar, pásome o día cantando pola casa.

-¿As materias preferidas?

-Dánseme ben as mates, a plástica, a música, o inglés. En inglés empezo a coller máis soltura e cada vez gústame máis.

paula lópez cao alumna do ies Alfoz-Valadouro que gañou unha beca da fundación amancio ortega