«É preciso recuperar un colectivo que defenda a Ría de Ribadeo»

José Francisco Alonso Quelle
JOSÉ ALONSO RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA

Convoca o venres unha xuntanza ás 20.30 no Cantón Bar, aberta a toda a cidadanía, para impulsar o colectivo

20 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres, no Cantón Bar de Ribadeo, celébrase unha xuntanza para a refundación da Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo. Comezará ás 20.30 horas, aberta a toda a cidadanía. «A Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo foi un colectivo que iniciou as súas actividades no ano 1992, que se formou cando se fixo a escollera da ría, plantexando temas de protección da ría e outros relacionados co medioambiente ou de tipo sociocultural, desenvolvendo unha actividade interesante cando o polígono de Vilaselán, a autovía, ou os vertidos á ría», explica un dos seus fundadores e agora impulsor da súa revitalización.

-E chega a refundación.

-Agora non se trata de repetir o vello modelo organizativo senón de organizar a sensibilidade social pola protección da ría a carón doutros métodos como son as redes sociais e as novas formas de participación. A idea sería aproveitar as bases administrativas da antiga plataforma para comezar a traballar e incorporar novas persoas, para no prazo de seis-doce meses constituír unha nova organización con persoas, métodos e plantexamentos renovados según as decisións que se adopten colectivamente. A curto prazo plantéxase a participación no Foro Social da Reserva da Biosfera que se constitúe nunha xuntanza a celebrar na Pontenova o próximo día 27 de xaneiro.

-¿Que sentido ten agora a plataforma? ¿Que papel pode representar en Ribadeo?

-Hai persoas interesadas na protección da ría. Non se trata de revitalizar unha asociación que naceu nos 90 para atender ás necesidades desa época, pero a protección e defensa da ría segue vixente. Hai xente que o apoia, senón non levaría isto adiante, e do que eu falo é de aproveitar a base administrativa que permite relanzar ou revitalizar non a vella plataforma de fai 25 anos, senón outra máis moderna, para que participe moita máis xente. Hoxe unha asociación digamos de tipo clásico, de facer xuntanzas periódicas, de ter unha directiva, hai que mantela, pero convivindo coas novas tecnoloxías, coas redes sociais, con un funcionamento distinto, que tampouco o teño que dicir nin decidir eu. Unha suxerenza que vou facer será que os que empezamos coa plataforma podamos servir de ponte, uns meses, pero para que nun período breve tomen a iniciativa persoas máis novas, con outra preparación, outros criterios, outro estilo, outra capacidade de relación.

-Pois non leva sufridas agresións a ría dende que a plataforma deixou de moverse...

-Pois si, A ría está moi degradada e non hai un plan de protección e dos recursos naturais. Esa é unha reivindicación que segue vixente e que ademais é unha obriga legal dende que se declarou zona Zepa. En Ribadeo hai unha sensibilidade na xente de protexer a ría: outra cousa é que os que empezamos con esa experiencia, pois nun momento determinado se nos parara o reloxo. Agora trátase de recuperar a idea, con outro plantexamento, porque a defensa da ría segue vixente.