Unha longa tradición vitivinícola co «viño da terra» do Val do Landro

Entre os anos 1303 e 1309 está constatada a presenza en Bordeaux dos viños «viviers» orixinarios de Viveiro


A importancia militar e comercial de Viveiro durante a Idade Media e Moderna, incrementou o cultivo do denominado viño da terra, debido a súa demanda, baratura económica e proximidade, pois a maioría dos emparrados (lovios) ou barras (viñas baixas) ocupaban as mellores terras do Val do Landrove, en detrimento da gandería que ficaba reducida ás partes altas.

Sabemos, que dende os inicios do século XIV, os viveireses realizaron distintas rutas comerciais ao longo da cornixa cantábrica e do eixo europeo Bruxas-Damme; en concreto entre os anos 1303 e 1309, temos constatada a presenza en Bordeaux de distintos navíos como as naos e as cocas de Viveiro, para facer a carreira dos denominados viños «viviers» (brancos, tintos e coloretes).

As Ordenanzas do Rexemento reformadas en 1551 regulaban os prezos, as vendimas, as exportacións e todo o relativo ao cultivo e comercio do viño. Un comercio dominado maioritariamente polos rexedores locais, pertencentes ás familias da fidalguía que eran os maiores produtores vitícolas así como os detentadores do estanco, que prohibía a introdución de viños foráneos, mentres non se esgotase a produción local. Cando as colleitas non chegaban para cubrir a demanda da veciñanza permitíase excepcionalmente a importación de viños galegos ou de outras procedencias para abastecer o mercado. Tal era o caso dos viños do Ribeiro, Ribadavia, Valdeorras, Quiroga, Monforte ou Chantada, entre outros, sen esquecer o chacolí vasco e os caldos franceses.

Ata mediados do século XIX

O valor económico do viño da terra continuaría ata mediados do século XIX, momento no que entraría en franca decadencia debido ao inicio da primeira grande praga do oidium que arruinou completamente as vides. Posteriormente, aparecerían novas pragas como a filoxera e o mildew que remataron co levantamento definitivo dos emparrados e coa secular industria vitivinícola viveiresa.

Negocios florecentes, algúns deles metade tenda, metade taberna

As tabernas, na maioría dos casos, foron tamén negocios florecentes que chegaron a ocupar o segundo posto no volume das matriculas industrias de contribuíntes. Como acontecía coas tabernas mixtas, metade tenda, metade taberna, que ademais de viños e licores, despachaban peixes salgados como os chicharros, sardiñas arencadas, bacallau, aceite, conservas, ovos, gran e todo tipo de produtos ultramarinos como azucre, café, cacao ou mesmo liñas, anzós, aparellos de pesca e roupas de augas.

Ademais do seu carácter estritamente comercial, as tabernas destacaron sempre por ser ámbitos de lecer, conversa e reunión onde se pechaban ao calor dun vaso de viño, todo tipo de tratos comerciais como as compañas da pesca, as vendas das feiras, os préstamos e acordos. Igualmente, nas tabernas fomentábase a camaradería ao compartir a bebida, acompañada de todo tipo de cantos populares. Deste carácter «multifuncional» das tabernas como centros de socialización xurdiron diferentes iniciativas como os primeiros sindicatos e asociacións mariñeiras ou, mesmo, o artellamento e ensaio de distintas murgas antroideiras, con letras de Caxete e música de moitos.

Da proliferación e desaparición das vellas tabernas de Viveiro, Celeiro, Covas e demais parroquias do Concello dan fe nomes tan eufónicos como populares: Che de Faro, Sabaríz, «O Magnífico», Saborit, Paquita da Nacha, «Durme Sempre», A Avilesina, Bernardino García, O Centolo, «Caradura», Corazones, O 8 de maio, Matías Nistal, Romualdo Villar, Manuel Martínez García (Serra, Casa Vilas), Xan da Ponte, O Tizón, A Esquina, A Cepa Agraria, Fermín da Mica, O Santano, Soto, Julita «recoña», Pucho Rubo, Andrés de Cidre, A Camposa, A Casa do Xamón, Ermitas, O Bidueiro, La Nueva España (O Guerra), O Tabairón, Rosendo, O Celta, Villegas, O Cabo, A taberna de Laurel (Dablanca), O Ribeirano, Manolito, O Paco, O Timiraos, Os Espellos, Joseón, O Argentino, Pedro da Zapateria, Zarra, O Seara, Mariño. O Ferreiro, O Pontigo, Eladio, Xusto, A Churra, Xenerosa, O Estanqueiro, O Filete, A Viuda, e o Sarilleriro de Galdo. Villarmea, O Maño, Mialma, O Lorito, Rancho Chico, O Monchito, O Enxebre, O Romano, O Muñiz, Os Castelos ?entre outros.

En fin, todo un amplo rosario tabernario de personaxes, anécdotas e historias miúdas.

Unha ampla rede de adegas e tabernas

O feito de seren Viveiro o maior produtor de viño da Mariña, por riba de Mondoñedo e Ribadeo, permitiulle dispoñer dende vello dunha ampla infraestrutura de adegas, almacéns ou loxas para beneficiar os caldos directamente ao público ou mesmo exportalos. A mediados do século XVIII, coincidindo coa penetración catalá na pesca da sardiña, o ramo de augardentes e licores da nosa localidade estivo maioritariamente en mans de negociantes como os Fuster, Raflúes i Esclús, os Soler, Inglada, entre outros ? que introducían viños franceses e cataláns, así como os «motriles» andaluces e os caldos da Rioxa navarra. Os cataláns, incluso chegaron a pagar por contrato as costeiras da pesca en millo, peixe e augardente, propiciando deste xeito o alcoholismo endémico en Galicia.

Andando o tempo e unha vez arruinada a antiga industria vitivinícola local, os comerciantes cataláns serían substituídos polos maragatos, que transportaban coas súas recuas os viños do Bierzo, León e Castela. Destacarían, entre outros, os apelidos dos Nistal, Ares, Blas, Seco, Miranda, Alonso, Sanmartín, entre outros? que abastecían de viño, aceite e gran, a xeito de monopolio, á maioría das tabernas e ultramarinos da localidade e das parroquias do hinterland.

A finais do século XIX e principios do XX proliferaron dun xeito extraordinario as baiucas e tabernas mariñeiras ou do interior ata chegar a converterse nun dos centros neurálxicos da vida popular, como moi ben nos conta Lois Tobío no seu artigo titulado «De un rincón del Cantábrico», que foi publicado no xornal El Día do Uruguai, referíndose ao barrio da Pescadaría:

«Aquí moraban los pescadores en unas casas que tenían un fuerte olor a salazón y en cuyos balcones colgaban los secaderos del pescado lañado. En este barrio, había dos o tres tabernas. En una de ellas, aparecían, en las paredes, algunas litografías de mar y de su techo pendía un enorme bergantín con todo su aparejo, que el tabernero, patrón en retiro desde varios años, había ido haciendo en ratos de ocio. Esta taberna estaba sobre el malecón y los marineros solían permanecer en la puerta o debruzados sobre el pretil frontero, caladas las boinas, fijos los ojos en el mar, conversando sobre las perspectivas del tiempo y de la pesca».

Viveiro foi o maior produtor de viño da Mariña, por riba de Mondoñedo e de Ribadeo

Tobío publicou un artigo no xornal «El Día de Uruguai» sobre o barrio da Pescadaría

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Unha longa tradición vitivinícola co «viño da terra» do Val do Landro