«Moita xente aínda non sabe que ao Senado son listas electorais abertas»

A MARIÑA

O exalcalde queixándose ante Pastor e Feijoo dos peches da A-8.
O exalcalde queixándose ante Pastor e Feijoo dos peches da A-8. a.b. < / span>

17 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ser candidato número 2 na lista de Nós Candidatura Galega pola provincia non esixe tanta dedicación como a que lle requería a alcaldía de Mondoñedo. Orlando González Cruz cre que esta campaña se vive máis nos medios que na rúa, sobre todo nas televisións, onde critica a escasa presenza que se lle dá a partidos coma Nós.

-¿Como leva a campaña?

-Ben, indo aos mítines e participando nas reunións cos veciños. É diferente a unha campaña das municipais, pero non todo o mundo está ben informado. A xente non se dá conta de que cando vota non elixe ao presidente senón que aos deputados. E o mesmo pasa co Senado. Moita xente aínda non sabe que son listas electorais abertas, que se poden elixir candidatos de partidos diferentes.

-Quéixase da pouca presenza de Nós nas teles, a nivel nacional..

-É unha campaña que se está vivindo moito na tele. Houbo un debate entre candidatos de catro partidos e un man a man entre dous, pero non se lle dá protagonismo a outras forzas. É unha campaña centrada en catro partidos e nos seus líderes. E a estas alturas moitos mariñáns non saben quen son os seus candidatos pola provincia. O día 21 vaise falar do peso das autonomías. E os vascos, os cataláns... terán representación e sacarán tallada. É importante que Nós teña representación, para que os galegos teñan voz en Madrid.

-Nós é o partido con máis candidatos da Mariña nas súas listas da provincia...

-Para nós A Mariña é moi importante e ten moito peso.

-Cando deixou de ser alcalde non pensabamos velo meses despois nunha candidatura...

-Non pensaba volver á política, pero desde a agrupación comarcal pedíronme que me presentara e aceptei. Primeiro, porque ser candidato non ten o mesmo desgaste que ser alcalde e segundo, para calar moitas voces que dicían que me ía porque tiña problemas co BNG, algo moi lonxe da realidade.