Mondoñedo distingue a Marina Mayoral

Inmaculada Eiroá González
INMA EIROÁ MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

A «contadora de historias» asiste hoxe á homenaxe que lle dedica o Concello

12 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mondoñedo rende hoxe homenaxe a Marina Mayoral. A escritora, nacida na cidade da Paula hai 73 anos, leva o nome dunha rúa, a que vai dende a Avenida das San Lucas ao auditorio municipal.

-Que significa esta distinción?

-Eu escribo e fágoo por dúas cousas fundamentais, por que é a miña mellor maneira de relacionarme coa xente, penso que fago algo útil para os demáis, e tamén e sobre todo porque quero deixar unha lembranza do meu paso polo mundo. E coido que esta praca en certo modo, cumpre esas dúas funcións. Ten unha utilidade e deixa unha memoria. Para min é moi emocionante porque cando leo Marina Mayoral nesa placa penso na miña nai, en Marina, que todo o mundo a quería moito en Mondoñedo, e en meu pai, que nunca foi Antonio para a xente de aquí senón Mayoral, galego que veu a Galicia por amor e por amor viviu e morreu aquí.

-Que lugar ocupa, que é para vostede Mondoñedo.

-Mondoñedo é o lugar da miña infancia, vivín en Mondoñedo ata os quince anos; despois saín fóra a estudar, pero teño esa memoria da nenez e pasou á miña obra. Na miña obra os personaxes están sempre situados nun espazo que se chama Brétema. É un sitio con catedral, encravado nunha pequena cidade, nun val moi verde, con montañas, con catedral, con un gran silencio polas noites, con sonido de campás, con son de auga que cae sobre rúas de pedra; todo o mundo se decatou de que é Mondoñedo.

-Non é so unha referencia vital, senón literaria.

-Absolutamente. Eu non distingo entre vida e literatura; no meu caso a literatura forma parte da miña vida e Mondoñedo é o meu espazo vital e da miña narración.

-Quédanlle moitos vínculos coa cidade, familiares...

-Familia non teño, teño boas amigas, sobre todo, e bos amigos tamén.

-Creo que vén con certa frecuencia.

-Si, si. Volvo á casa de miña nai, porque meu pai xa lle digo, era dun pobo da provincia de Toledo.

-Independentemente da paisaxe, significou para vostede algo terse criado nunha cidade con tantos referentes culturais e da literatura?

-Exactamente, é unha cidade culta para empezar; tivo a primeira imprenta de Galicia, alí foi desterrado da Corte Frei Antonio de Guevara e alí escribiu Menosprezo de corte e alabanza de aldea. Mondoñedo é unha cidade culta e iso inflúe e despois é unha cidade cun gran silencio, cunha gran serenidade, é un lugar para vivir moi de vagar, deixar as présas e disfrutar da beleza do paisaxe, da transparencia do aire, que é moi limpo, de todas esas cousas que vivindo nunha gran urbe, como vivo eu, en Madrid, sempre se botan de menos.

-Pillámola nun congreso.

-Si, sobre Koldo Mitxelena, do País Vasco, e de Ramón Piñeiro, persoas que entregaron a súa vida, digamos, á súa patria.

-E sigue vostede completamente activa na creación literaria.

-Si, mentres non me falle a cabeza... (risas).

-Que está preparando?

-Sempre estou escribindo. Pero non se debe falar do que se está facendo porque se gafa, é unha cousa que saben todos os escritores.

-Mañá (por hoxe) témola en Mondoñedo.

-Si, á unha e media temos o acto no Concello para a entrega desa rúa e eu responderei agradecendo e dicindo o que significa e despois iremos facer fotos (risas).

-De toda a súa produción literaria, que é moita, con qué se queda?

-Iso é igual que si lle preguntan a unha nai con qué fillo se quedaría. (...) Quéroos a todos.

«Mondoñedo é o lugar da miña infancia, vivín aquí ata os quince anos, despois saín fóra»