«Hai enquisas de todo tipo, pero creo que o PSOE vai dar a sorpresa o día 20»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

Iago Fernández ten 25 anos e é afiliado socialista dende os 18.
Iago Fernández ten 25 anos e é afiliado socialista dende os 18. x.f.r.< / span>

É un dos candidatos máis novos de todos os partidos e lamenta que «para o mercado laboral os menores de 25 anos conten pouco»

11 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é unha cara coñecida a nivel comarcal. Sábeo el e tamén o PSOE, que aposta pola renovación, sobre todo despois de constatar que as sorpresas en varias alcaldías da Mariña chegaron da man de savia nova. Iago Fernández Pena (O Valadouro, 1990) araña as horas libres que lle deixa o traballo para participar activamente na campaña. Con 25 anos ocupa o posto número 2 na lista socialista ao Congreso por Lugo e aspira a ser deputado e a formar parte dun Goberno capitaneado por Pedro Sánchez: «Hai enquisas de todo tipo, pero eu creo que o PSOE vai dar a sorpresa o día 20».

-¿Como afronta esta campaña? ¿é a primeira para vostede?

-Afróntoa con moita ilusión, facendo moitos quilómetros. Vivín como militante a anterior campaña das eleccións xerais e participei activamente como candidato nas últimas campañas das municipais. Estamos falando coa xente, pero é certo que cada vez é máis difícil intentar que a xente participe nos actos.

-¿Pensa que aos cidadáns non lles interesa a campaña?

-As eleccións xerais venas con máis distancia. Son campañas máis mediáticas.

-Pero vostedes, ¿tamén cambian a estratexia para achegarse ao cidadán?

-Vemos que é máis necesario falar directamente cos cidadáns e cos diferentes sectores. E o PSOE ten un programa que sabe que pode cumprir. Unha das miñas obrigas é defender á xente nova porque para o mercado laboral os menores de 25 anos contan pouco. É necesario e urxente activar varias medidas porque eu non quero pertencer á que lle chaman a ?xeración perdida?.

-E, ¿que lle pide a xente cando vai pola Mariña adiante?

-Hai dous temas dos que se fala moito. Os que están traballando falan da reforma laboral e os desempregados, do paro, dos dereitos sociais... Os mariñáns están preocupados porque ven que non se xera emprego de calidade. Despois, reclaman a vía de alta capacidade, mellores infraestruturas, unha solución definitiva ao problema da néboa na A-8... Percibo ánimo e vexo que a xente non quere que o país quede catro anos máis nas mans da dereita.