«Din a volta ao mundo nove veces»

A MARIÑA

«É de vergoña como se consinte que non se use o nome Ría de Ribadeo; eu denuncieino na Garda Civil»

01 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Campos, Pancho, como lle din os que o coñecen, e unha das caras da asociación de veciños O Tesón de Ribadeo, que preside dende 2006, cando sucedeu ao finado Gilberto Suárez. En Ribadeo volcouse cando tivo tempo libre, cando o mar lle dixo que non o quería máis. «Levaba 35 anos e o mar botoume. Tiven un problema de corazón». Pancho Campos, como Capitán de Máquinas da Marina Mercante, fixo acopio de mil e unha anécdotas, que conta con modestia, nunha charla amena, divertida, sorprendente. Como cando o atentado do 11-S o colleu en pleno Pacífico, de Filipinas a Los Ángeles, a cabalo do meridiano 180°, co que ao pasar a liña imaxinaria internacional de cambio de data, para el e os seus compañeiros o 11-S durou dous días. Ou o reconto que fixo de voltas ao mundo: nove en total. Tamén cando en plena guerra entre Irán e Iraq era recibido no porto por unha escolta. Ou as olas de 14 a 16 metros que lembra de cando ía a Canadá.

-Vaia carreira!

-Ultimamente daba unha volta ao mundo cada catro meses e medio, que era a viaxe enteira, incluídas as estancias no porto. Se embarcaba en Suez, regresaba catro meses e medio despois a Suez. Se o facía no Canal de Panamá, deixaba o barco no porto de Balboa. E así cada vez. En total din a volta o mundo nove veses; 33.000 millas cada vez.

-E coñecendo mil países e cidades.

-Coñezo moito menos do que se pode pensar. O máximo que estabas era dous días en terra. Andiven toda a vida en mercantes moi grandes, ao final en petroleiros de 180.000 toneladas, e parabas para cargar e xa saías.

-Medo no mar?

-Medo non, pero si respecto. Chegando a Canadá varias veces tivemos olas de 14 a 16 metros de altura. Tamén estiven en varias guerras. Estiven dous anos traballando para os iraquís en plena guerra entre Irán e Iraq. En canto chegábamos a terra púñannos escoltas.

-E finalmente, chegou a hora de deixalo e volcouse con Ribadeo.

-O mar botoume, non me quixo máis.

-Así chegou a súa faceta pública na asociación de veciños O Tesón, que por certo, non pasa polo seu mellor momento. De feito parece abocada a desaparecer.

-É unha mágoa. Naide se da conta do que vale unha asociación de veciños ata que se perde. É unha ferramenta social imprescindible no pobo. A unión veciñal é fundamental.

-Pero non aparece naide que queira tomar o relevo da directiva.

-É curioso, porque en Ribadeo naide pon reparo a pagar as cotas de socio, pero cando é a hora de implicarse, case naide o fai. O futuro de O Tesón é complicado. Pero se se desfai dentro de tres ou catro anos, ou menos, vai facer falta unha asociación de veciños como O Tesón, é haberá que creala. Xa pasou no pasado, e volverá a pasar.

-O Tesón tivo un papel moi importante na sociedade ribadense nos últimos anos: lembro, por exemplo, a recollida de firmas para reclamar o xulgado, ou a loita pola defensa do nome da ría, asuntos nos que vostede se implicou a fondo.

-Co do xulgado fun a Madrid e houbo un intercambio de cartas co Ministerio de Justicia. Penso que nun asunto coma ese o Concello debía de estar mandándolle unha carta cada día ao Ministerio de Justicia reclamando o xulgado, ata que se fartaran... pero non se fai nada. Do nome da ría cheguei a presentar unha denuncia no cuartel da Guarda Civil contra La Nueva España, por non respectar o topónimo Ría de Ribadeo. Finalmente arquivouse, pero esa batalla gañámola canso deputados do PSOE asturianos levaron unha iniciativa ao Congreso en defensa do nome ría del Eo e Pepe Blanco parouna. O que ocorre é que segue sen respectarse o nome. O Principado, unha administración, é o primeiro que non o fai, vulnerando a lei. E dende Galicia moitos miran para outro lado cando se vulnera o nome de Ría de Ribadeo. É de vergoña que se consinta.

pancho campos capitán de máquinas da marina mercante e presidente de O tesón