«Donato tamén foi deportivista do ano; agora veñen Juan e Fabricio»

I. D. R. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

O adestrador do Viveiro e máis o mediocentro e o porteiro do Deportivo estarán na cea-baile que celebra mañá no Louzao a Peña Deportivista de Viveiro

11 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Peña Deportivista de Viveiro, presidida polo tamén directivo do club local Óscar Rodríguez, organiza mañá no Louzao desde as 21.30 horas a Gala do Deportivismo, unha cea-baile na que esperan congregar «un cento de deportivistas da zona». Xunto a eles estarán Juan Domínguez, Fabricio e Donato. O prezo é de 20 euros para os membros da peña e de 35 para os simpatizantes. Poden apuntarse chamando ao teléfono 666-411-233, ou contactando con calquera socio da peña.

-Cantos deportivistas esperan xuntar?

-Normalmente, nesta gala que facemos ano a ano, xuntámonos uns 100.

-Inflúe a boa marcha do Dépor en que a xente se anime?

-Non, aquí somos os de sempre. Os deportivistas temos solera. Somos incondicionais porque estamos nas boas e nas malas.

-Non sería doado convencer a Juan Domínguez e Fabricio para que estean alí...

-Depende máis do adestrador que deles, case. Agora teñen un parón na liga, hai días libres... e prestáronse a vir. Darémoslles o premio a mellor xogador do ano. Fabricio foi elixido polos socios na asemblea acelebrada o mes pasado, mentres que Juan Domínguez fórao no ano do ascenso, pero entre unhas cousas e outras non atopáramos data para entregarlle o premio.

-Tamén estará o adestrador do Viveiro, Donato.

-El tamén foi nomeado por nós deportivista do ano hai tempo. Estivera aquí, quedara encantado, e nós tamén con el. Mantivemos o contacto e agora el é adestrador do Viveiro. É un estímulo importante para o club, os xogadores e a afección. Donato non escatimou o esforzo por estar aquí e tamén llo imos agradecer.

-O Dépor-Celta xa será tema de conversa na cea, non?

-Iso podereicho dicir o venres (rí). Será interesante saber como o ven os xogadores.

óscar rodríguez presidente de la peña deportivista de viveiro