«Non veño para quedar porque traio data de caducidade»

Laura López LUGO / LA VOZ

A MARIÑA

Destaca que contarán co apoio de Darío Campos e de Gómez Besteiro

18 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O exsenador Luis Ángel Lago Lage preside desde o día 15 a nova xestora que dirixe o PSOE provincial de Lugo.

-¿A que se debe a súa volta á primeira liña da política?

-Realmente nunca deixei de estar, pero non veño para quedar porque traio data de caducidade. Teño un mandato concreto, que é poñer en marcha a nova dirección.

-¿Cal é o papel da xestora?

-Coa dimisión do secretario provincial é necesario convocar un congreso para elixir unha nova dirección. Mentres non se fai, pode tomar as rendas a executiva nacional galega ou unha xestora. Aquí optouse por esta segunda opción porque é a fórmula máis apropiada ante a convocatoria de eleccións xerais, e uniuse a experiencia, que ten un bo representante en José Luis Raposo, e a renovación, moi ben encarnada por Mayra García. A finalidade é dirixir a política orgánica e institucional da provincia durante seis meses, prorrogables, dirixir a campaña electoral do 20 de decembro, preparar o partido para despois dos comicios e reforzar o PSOE de cara a un cambio na Xunta. O martes pecharemos un comité de apoio técnico e planificaremos as primeiras reunións no territorio; estaremos en todas as comarcas da provincia e contaremos con José Ramón Gómez Besteiro e con Darío Campos.

-¿Será Besteiro candidato a presidente da Xunta?

-Eu véxoo como candidato porque é a persoa máis capacitada para afianzar a posición e ten un apoio case unánime na provincia de Lugo.

-¿Pero non ten que haber primarias?

-Claro que ten que haber primarias, pero pesa moito a transcendencia do seu paso pola Deputación, con iniciativas exitosas como a posta en marcha dos presupostos participativos, ou a débeda cero que deixou no organismo provincial cando marchou, algo insólito. Tamén fixo investimentos moi importantes, suplantando as funcións que non cumpría a Xunta.

-¿Cre que é inocente no caso Garañón?

-É inxusto politicamente o que lle están facendo a Besteiro. Aquí acórdome de Orozco, que marchou porque para el pesou máis o interese dos lucenses. O problema disto é que se está chegando a unha situación na que algúns son culpables ata que se demostre o contrario. Son moitas as casualidades, cada vez que Feijoo ten un problema aparece un titular xudicial sobre o noso secretario xeral. E eu non creo que haxa un político cunha traxectoria tan ampla como a de Besteiro que teña un patrimonio tan escaso como é medio piso e un coche. E como dixo o novo fiscal xefe [Roberto Brezmes, en una entrevista concedida a La Voz], hai que xulgar por probas, non por indicios.

-É moi grave o que está dicindo...

-Si, pero é a impresión que teñen moitos cidadáns. O que está claro é que Feijoo sabe que o único que lle pode quitar a presidencia da Xunta é Besteiro.

-¿Como ve a situación na Deputación de Lugo?

-Xa pedimos desculpas aos lucenses polo que pasou, que foi vergoñento, e nós somos parte da culpa. Pero tamén hai que destacar o traballo arduo e discreto que fixeron o PSOE e o BNG para que o pasado día 8 marcase un antes e un despois na Deputación de Lugo. O que segue agora é algo que fraguarán os propios protagonistas e nos próximos días esperamos que haxa avances para recuperar a normalidade política.

-¿Que opina da decisión que tomou Santín de dimitir como secretario provincial?

-Santín tomou unha decisión persoal e o partido reaccionou con normalidade, nós non valoramos nin emocións nin sentimentos.

luis ángel lago lage presidente da xestora socialista

«Feijoo sabe que o único que lle pode quitar a presidencia da Xunta é Besteiro»