As feiras e festas das San Lucas e o coche de Botes

SUSO FERNÁNDEZ, CRONISTA OFICIAL DE FOZ

A MARIÑA

14 oct 2015 . Actualizado a las 12:24 h.

Arelación Foz-Mondoñedo rexístrase dende tempos moi afastados. Vellos papeis falan de que a primeira actividade mercantil dos da beiramar foi a venda de peixe fresco nos mercados daquela cidade; labor que se mantivo ó longo dos séculos chegando naturalmente ata os nosos días.

A pé ou coas burras, primeiro; nos coches de liña e xa máis tarde nos alugados ou nos propios, a cotiá presencia das vendedoras focegas entre as xentes da Paula fixo que aquelas chegasen a formar parte da xeografía humana da histórica cidade e que alí acadaran unha recoñecida popularidade entón.

Por outra banda a relación foi recíproca xa que pode considerarse que Mondoñedo ? co Valadouro e Lourenzá ? foron os pioneiros do veraneo focego e xa o xornal ?El Baluarte de Galicia?, da cidade do Masma, o 19 de xullo de 1892 (hai disto 123 anos), noticiaba: ?Ha salido para Foz, con objeto de tomar baños, don Felipe Carrera, acompañado de su distinguida esposa doña Carmen Robles?.

Don Xosé Trapero Pardo, insigne xornalista e escritor, metade chairego e metade mindoniense que vivíu todo o século pasado, ata o ano 95, comentábanos este feito e relacionaba os nomes das familias que cada ano acudían polo verán a Foz dende os primeiros do século XX.

Xa por esas datas meu tío-avó Antonio de Botes establecera servicio de viaxeiros entre Foz e Mondoñedo, en flamante dilixencia tirada por cabalos, que algúns días seguía a Baamonde para levar ós emigrantes que alí collían o tren para A Coruña, onde embarcaban, como é coñecido, para as lonxanas Américas...

En 1922 Botes mercou un Dion Bouton, coche francés que distribuía para o norte da península o mindoniense de Viloalle don Xosé Barro, establecido en Chavín con importante industria do automóvil.

Mecanizábase así o medio, non tardando en adquirir outra unidade idéntica que en ambos costados lucía o nome de El Focense. Ó pouco tempo en desgraciada manobra Antonio de Botes perdía a vida nunha rúa de Mondoñedo; conducía o coche o seu fillo José.

O coche de Botes foi perante moitos anos o cordón umbilical que xunguíu a ambos pobos. Cara a aquél ían as caixas das pescantiñas cheas de peixe que para a volta cargaban dos magníficos froitos da horta daquel val.

Chegadas as San Lucas o coche- ateigado de viaxeiros mesmo na ?baca?- redobraba os esforzos para transportar a tanta e tanta parroquia.

En decembro de 1965 finou Xosé, o fillo do promotor. O coche seguíu acudindo á Cidade Episcopal levado polo seu fillo Antonio ata que, pasados algúns anos, os herdeiros venderon a empresa; rachaba así o cordón umbilical da tradicional relación focego-mindoniense.

Endexamáis o coche de Antonio de Botes voltou ás históricas feiras e festas das San Lucas.

Suso Fernández é o Cronista Oficial de Foz.