«Estamos en condicións para loitar pola Supercopa de España»

Iván Díaz Rolle
IVÁN D. ROLLE BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Este domingo ás 13 horas en Vista Alegre fronte ao Atlético de Madrid

04 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

LUCAS ADESTRADOR DO BURELA FSF PESCADOS RUBÉN

Iván Cao, «Lucas», vive a súa primeira pretempada á fronte do equipo feminino do Burela-Pescados Rubén. Unha pretempada un tanto rara, pois as súas xogadoras xa terán que dar o máximo este domingo, na ida da Supercopa de España que as enfronta ao Atlético de Madrid Navalcarnero. Desde as 13 horas no Pavillón de Vista Alegre.

-Como chega o equipo ao partido?

-Vimos de facer unha boa pretemporada. Quizais os resultados nos partidos non foron os mellores, pero o equipo chega en moi boas condicións. Temos algunha xogadora un pouco cansada, un pouco tocada, pero estamos en plenas condicións para loitar polo título.

-Pesan as dúas derrotas sufridas durante a pretemporada?

-Está claro que a ninguén lle gusta perder, pero sempre é mellor facelo nestes partidos de fase preparatoria, onde estás probando cousas... O principal non é o resultado, senón que se vaian adquirindo os conceptos que estamos traballando.

-O Atlético gañou nove dos dez últimos enfrontamentos ao Burela...

-Xa non as estatísticas, o que pode asustar é o equipo que teñen, que leva dous anos gañando todo. Está claro que é un equipazo ao que é moi complicado gañar e por iso se dan estas estatísticas. O seu quinteto titular é, probablemente, o mellor da categoría, con grandes xogadoras, case todas internacionais.

-Non obstante, perderon algunha xogadora importante, son máis vulnerables?

-As perdas de Natalia e Rosana hanse notar, pero eu penso que a que máis lles vai pesar é a saída de Belén, que é unha das mellores porteiras da liga. Sen embargo, fixeron grandes fichaxes e seguen a ter un bloque moi forte.

-E o Burela é máis equipo que o ano pasado?

-Este ano temos a posibilidade de traballar coas nosas ideas desde un principio e iso fai moito máis fáciles as cousas. O ano pasado había unhas ideas preconcebidas desde o comezo da tempada que nós intentamos modificar nalgún detalle, pero non podíamos trocar toda a idea. Este ano, en cambio, a idea xa é a nosa desde o principio.

-Que lle parece o ter que xogar a ida na casa?

-Son 80 minutos, 40 en cada pista, así que non me preocupa o ter que comezar en Vista Alegre. Sairemos a facer un bo partido na casa, aproveitando que a xente estará do noso lado, para levar un bo resultado para alí e poder traer o título de de Navalcarnero.

-Ten xa na mente a convocatoria?

-Non, aínda non, quedan tres ou catro sesións e todas están traballando moi ben. Irémolo vendo.

-En principio non hai ningunha baixa?

-Hai algunha sobrecarga ou molestia, cousas de pretempada, pero en principio todas estarán dispoñibles.

-Convocará ás tres porteiras?

-Somos trece e alguén se ten que quedar fóra, pero aínda non o sei. Onte ( polo mércores) Eva tivo un pequeno tironciño no isquio, e aínda non sei o seu alcance.