Os ornitomorfos e a eternidade

AURELIA BALSEIRO

A MARIÑA

Fragmentos de torques da colección de ourivería de A. Gil Varela, exposta no Museo Provincial de Lugo.
Fragmentos de torques da colección de ourivería de A. Gil Varela, exposta no Museo Provincial de Lugo.

A museóloga Aurelia Balseiro García analiza e estuda a representación de aves acuáticas en varias pezas de ourivería castrexa

24 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Demos en chamar ornitomorfos a unha serie de representacións con forma de ave que aparecen nas decoracións dalgunhas xoias áureas castrexas, poucas pero relevantes, sobre todo tendo en conta que os seus característicos motivos decorativos son os debuxos xeométricos seriados: círculos, triángulos, entrelazos en forma de oitos, puntos e raias? claramente predominantes tamén noutros elementos da cultura material castrexa (sobre todo na cerámica), namentras que a figuración realista é bastante máis escasa.

No Museo Provincial de Lugo podemos ollar un anaco de torques de orixe incerta aínda que cunha procedencia ?dun castro lucense?, aparecido en 1859 ou 1869 e pertencente á colección A. Gil Varela, recentemente declarada Ben de Interese Cultural. Está decorado na parte exterior da variña de sección romboidal con ?patiños? e relacionado con outros dous fragmentos con terminais en dobre escocia, un deles tamén con decoración figurativa en forma de roseta hexapétala inscrita nun círculo. Tanto as palmípedas como as rosetas están relacionadas tamén co culto ao sol, sendo ambos os dous considerados como motivos heliomorfos.

A devandita variña do torques conservado no Museo de Lugo organiza a súa decoración en base a dous grupos de tres ornitomorfos enfrentados e separándoos no centro un pequeno rectángulo cheo de circuliños de xeito que esa inversión dos dous grupos parece organizada como un efecto de espello resultando unha composición claramente equilibrada. Os ornitomorfos, patos ou paxaros de auga aparecen bastante esquematizados, pero con algún rasgo realista ben marcado como os ollos, situados encima dunhas liñas horizontais que poderían interpretarse como auga e flanqueados por pequenos motivos xeométricos a ambos lados. A técnica utilizada para a representación dos motivos decorativos é o puntillado e o estampado.

Outras xoias con decoración de ?patiños? son: o torques de Vilas Boas (Tras os Montes, Portugal), arracada de Vilar de Santos (Ourense), diadema Bedoia (A Coruña), Diadema de Cangas de Onís (Asturias), diadema de Ribadeo/Moñes (Asturias), diadema do castro de Elviña (A Coruña). Estes motivos ás veces aparecen ben identificados con rasgos naturalistas e vulto redondo, como no exemplar portugués e na diadema de Elviña, e outras moi esquematizados case coma un trazo en ?sss?. Todas as pezas relacionadas están datadas entre os séculos III e I a.C., pero tamén poden rastrearse estas representacións en pobos mediterráneos e célticos durante a Idade do Ferro (primeiro milenio antes de Cristo), sobre todo en obxectos metálicos e cerámicas.

Os patos: o sol, a morte...

Os patos na mitoloxía pre e protohistórica teñen un significado relacionado ben co culto ao sol, ben coa morte e a eternidade no senso de que a súa migración e regreso fai pensar nunha pervivencia inmortal, na resurrección ou no tránsito ao Alén por medio dunha vía acuática propicia como pode ser un río, lagoa ou o mar.

Os códigos iconográficos que desenvolven influxos das crenzas pancélticas do Alén teñen, entre outros motivos figurativos, algúns dos que se representan na diadema asturiana de Ribadeo/Moñes: guerreiros, cabalos, aves acuáticas e peixes, nunha secuencia narrativa que representa unha heroización con tránsito acuático.

Todo isto dinos que os motivos decorativos utilizados por estas culturas ágrafas teñen un claro simbolismo ben de tipo ascensional ou como ritos de paso, de resurrección? etcétera., relacionados coas crenzas indíxenas.

A iconografía reflicte o mito, aínda que dende as nosas limitacións documentais non podamos establecer con claridade o seu significado, está claro que as culturas prerromanas do Noroeste peninsular tiñan unha idiosincrasia particular e un imaxinario colectivo do seu mundo espitirual e as aves acuáticas son representadas precisamente por esa evocación dos ritos relacionados coa auga e subliminalmente co concepto da morte, a eternidade e/ou o Alén.

«Tanto as palmípedas como as rosetas están relacionadas co culto ao sol»