«O mellor é como o público se emociona e integra na coral»

A agrupación pechará o Festival de Música Clásica hoxe ás 21.30 horas no auditorio municipal de Ribadeo


RIBADEO / LA VOZ

Este ano, Mari Carmen Rodríguez Cancelo cumpre xa tres décadas formando parte da Coral Polifónica de Ribadeo, agrupación musical da que é directora e que vén de inaugurar o pasado mércores unha exposición sobre os seus 60 anos de historia.

-Ademais da exposición, ¿tendes preparada algunha actividade especial para conmemorar o 60º aniversario?

-En xuño, o Coro da Fundación Princesa de Asturias inaugurou os actos. O 21 de xullo celebramos o concerto do aniversario na igrexa parroquial con Miro Casabella. Foi un éxito de público. Ademáis, imos actuar este domingo no peche do Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo xunto aos artistas convidados e a Banda Municipal. Contamos con dar algún concerto polo Nadal e pola patroa.

-Tras todos estes anos, ¿que cre que é o máis satisfactorio de estar na Coral?

-Sen dúbida, a resposta do público. Ao longo destes anos vemos como cada vez están máis cerca de nós. Emociónanse e síntense una parte da coral.

-¿Acusaron moito a crise?

-Economicamente somos uns privilexiados. Fai uns anos, polo 2000, o Concello de Ribadeo, por unanimidade de todos os grupos políticos, acordou unha subvención para a coral. Sempre se teñen moitos gastos. Este compromiso por parte deles, que aínda manteñen, é algo que nos axuda e nos anima moito. Non creo que moitas corais teñan este tipo de axudas.

-Falando do futuro da agrupación, ¿como ve o asunto do relevo xeracional?

-Sesenta anos dan para moito.Sempre contamos cunha base de xente estable, pero quizais non tanta como desexaríamos. Fannos falla voces novas, ás que hai que estar formando continuamente, pero que son necesarias para seguir manténdonos máis anos.

-¿Que tipo de voces precisan máis na actualidade?

-Algunha voz de contralto que se nos foron indo e, sobre todo, voces masculinas novas. Sempre é máis difícil conseguir que os mozos se acheguen a este tipo de música. Por iso queremos animalos a que se unan e vexan que, pese ao esforzo que supón, de seguro que non os defrauda.

Mari CARMEN RODRÍGUEZ DIRECTORA DA POLIFÓNICA DE RIBADEO

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«O mellor é como o público se emociona e integra na coral»