O Espazo Caritel, para gozar da botánica e da arte en Foz

s. c. FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

O Espazo Cultural Caritel, do artista Caxigueiro, abre para esta tempada de verán en Foz.
O Espazo Cultural Caritel, do artista Caxigueiro, abre para esta tempada de verán en Foz.

Este espazo natural e cultural do artista Caxigueiro, a só 200 metros da basílica de San Martiño, está aberto a visitas

20 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Espazo Caritel é un proxecto, en palabras do propio Caxigueiro, que pretende ofrecer ao panorama cultural e turístico da Mariña a oportunidade de gozar da botánica e da arte contemporánea. O itinerario que se pode visitar conta cun edificio que alberga unha sala de exposicións destinada a mostras temporais. O percorrido tamén permite ver o xardín (duns 3.500 metros) de notable interés botánico. Destaca pola súa importancia a colección de camelias, formada por un cento de variedades. Tamén é salientable a abundante flora autóctona que contrasta con especies procedentes de todos os continentes.

O Espazo Caritel está a só 200 metros da basílica de San Martiño e pretende facer dese recuncho de Foz un lugar de especial relevo para os interesados na arte e a natureza. O horario de visita é de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas ata o 15 de setembro. Os domingos só de 11 a 14 horas e os luns permanece pechado.

É un luxo contar na Mariña con este espazo cultural, que se suma a outros museos que están á vangarda, caso do Museo RegalXunqueira ou do Eido Dourado, en San Miguel de Reinante, que precisamente o vindeiro día 27 comeza as actividades de verán cun encontro de música, poesía e teatro con Aldaolado, Paco Pestana, Falúa, Mini e Mero e os Quinquilláns.