As Quendas, polas calendas maias

ANTONIO REIGOSA FIRMA INVITADA

A MARIÑA

01 may 2015 . Actualizado a las 17:10 h.

En Mondoñedo celebramos As Quendas desde hai 474 anos. Cóntao quen rexeitou ser primeiro cronista oficial de Mondoñedo, Víctor de Silva Posada, en El Eco de Santiago o 11 de xuño de 1896 onde reproduce un documento de 15 de marzo de 1541 que di «durante o tempo de encabezamento da alcabala desta cidade e bispado en cada ano houbese tres días de feira franca de toda cousa vendida e comprada, ? os cales foron o primeiro de maio e logo os outros dos seguintes». Así, cunha feira franca libre do imposto das alcabalas, comezaron As Quendas.

A orixe do nome está na palabra kalendae (que deriva de kalare, chamar ou gritar) e que era a mesma que usaban os romanos para nomear o primeiro día do mes. Nos tempos antigos ese día primeiro do mes viña sendo o que coincidía coa lúa nova, día moi temido pois era o de pago, ou cobro, de débedas e trabucos. En realidade, o nome kalendae deriva do costume dos cobradores de kalare «chamar» para que os veciños atendesen as obrigas demandadas.

Pouco sabemos da historia destas feiras ao longo dos seus primeiros séculos. En 1888 comentábase na prensa que resultaran «desanimadísimas». En 1892, por mor do mal tempo climatolóxico, debátese en Mondoñedo o traslado das feiras e festas das San Lucas para facelas coincidir, ben coa celebración das Festas dos Remedios, en setembro, ou coas das Quendas, en maio. Nas do ano 1911 laméntase a escasa concorrencia botándose de menos «que en algún tiempo era poco menos que de la importancia de la de San Lucas». En 1912 «no queda ni sombra de lo que fueron». En 1928 e seguintes ata 1935, as crónicas son moi similares.

Toman brío As Quendas nos anos da República, sobre todo porque coincide cos intentos de recuperación da celebración dos Maios. Na tarde do 1 de maio de 1935 os mozos e mozas da Xuventude Galeguista organizaron un desfile no que participan unha carroza ocupada por nenas vestidas co traxe tradicional campesiño e unha camioneta adornada con flores e ramas de acacia que percorren as rúas ata a noitiña. Os nenos que as seguían, a modo de comparsa, cantaban coplas dos Maios que tamén repartían impresas entre o público. No ano 1937 o declive era evidente e de aquí en adiante progresivo (as de 1955 presentaron unha lixeira melloría pola maior presenza de gando cabalar) ata desaparecer por completo uns anos.

Como soe suceder, só a vontade pode dobregar o tedio. No ano 1984 un grupo de persoas con Recetas (Manuel Redruello) e outros foron quen de erguer e pór en pé As Quendas. Pasados 30 anos daquela resurrección, As Quendas teñen recuperado xa un lugar de honra no calendario festivo da Mariña. A Asociación As San Lucas presidida por Miguel Souto e composta polas forzas vivas mindonienses consigue cada ano mellorar o programa da edición anterior polo que podemos afirmar con fachenda que estamos vivindo os seus mellores tempos.

As Quendas dese ano traen, coma sempre, feira e festa, e como o ano pasado tamén poesía, pero sobre todo traen esperanza. Un só detalle, o acerto na escolla da pregoeira, Patricia Martínez Paz, Premio Extraordinario de Bacharelato 2014 e exalumna do IES San Rosendo, é o modelo que Mondoñedo necesita e que ela tan ben representa: xuventude, intelixencia e conviccións. Vivan As Quendas!