«O proxecto de Khitara pode cambiar a túa idea sobre o rock»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

O concerto é unha proposta de «viaxe íntima» pola historia do xénero

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O rock é un xénero que esperta paixóns e que revive e abre o camiño a novas interpretacións do mesmo, e incluso versións de clásicos. Deep Purple, Led Zeppelin, Queen, Scorpions ou Metallica, entre outros, soan distinto da man de Khitara, con José Carballido (Alemaña, 1979) á fronte. Mañá, sábado, estarán no Teatro Pastor Díaz ás 21.00 facendo «Unha viaxe íntima pola historia do rock», para todos os públicos. O acompañan Mónica Pita que estudou no Conservatorio viveirense, Xosé A. Rodríguez, Daniel Añón e Diego Lestón.

-¿Que lle pode aportar a alguén que non lle «guste» o rock?

-Pode cambiar a túa idea sobre o rock. Ao estar instrumentados os temas para guitarras clásicas e de caixón se afasta bastante da idea do rock pero ata á xente alonxada do rock estalle gustando moito o noso repertorio.

-Revisan os clásicos, que parece que nunca morren, ¿verdade?

-En Viveiro tendes moito rock, pero polo mundo adiante está desaparecendo e morrendo.

-Sen embargo, ¿o fenómeno nostálxico non o logra revitalizar?

-Eu, o primeiro disco que escoitara fora o de Europe. Tiña seis aniños. Aquel rock era sinxeliño de dixerir. No meu caso o rock foi a porta de entrada na música. Miña irmá escoitaba Europe ou Bon Jovi que daquela saían moito pola radio, nos 40 Principales ou en programas musicais de televisión e naquel momento eu empezara a tocar o violín, pero nada tiña que ver co que a min me gustaba. O rock foi o que me chamou para máis adiante retomar a música pois entre os 6 e 9 anos me dediquei ao piano e violín e aos 15 retomei a música porque me gustaba o rock, pero chegaba o momento en que se queda curto, empecei en conservatorio e fixen a carreira de clásico.

-¿Que busca Khitara nun mundo no que parece todo inventado ou que busca neste proxecto?

-O que eu buscaba era outra forma de instrumentar, partindo de versións xa coñecidas, dar outra visión. Os arranxos teñen que ser diferentes porque os recursos instrumentais non poden ser os mesmos. Sobre todo polas guitarras clásicas ten un toque de música de cámara. Quería esa mezcla dos dous mundos.

-¿Para cando un disco?

-Non, de Khitara non hai. Pero é unha posibilidade que teremos que plantexar nun futuro cercano, porque é posible que sexa unha boa idea e facelo... ¡directamente en vinilo! (ri).

-Vexo nenos que poden amar o rock, igual que o fan seus pais.

-A música que escoitamos cando somos novos nos deixa moi marcados. Por outra, os nenos tampouco teñen os prexuizos que teñen os adultos á hora de escoitar música, piden música rítmica [el é profesor en primaria].

josé Carballido compositor e intérprete que mañá actúa co seu grupo en viveiro