Ramón Peña: «Os adolescentes son orfos dixitais»

xosé Carreira LUGO / LA VOZ

A MARIÑA

ALBERTO LÓPEZ

Asegura que un dos maiores riscos das redes é a divulgación de fotos persoais

29 dic 2014 . Actualizado a las 05:20 h.

Seguramente é un dos gardas civís máis coñecidos na provincia de Lugo. Ramón Peña Pérez (Castro de Rei, 1976) é formador da comandancia de Lugo. A súa misión é a de chegar aos rapaces para previlos dos riscos que poden correr diante das novas tecnoloxías. Tamén os axota do acoso escolar, da violencia de xénero, do racismo e da xenofobia entre outras cuestións. Pasou por numerosos colexios e coñece cal é a situación dos adolescentes aos que define como orfos dixitais.

-Porque orfos dixitais?

-O termo é do presidente da Escola Superior de Enxeñeiros Informáticos de Galicia que o empregou nunha das súas conferencias. Toda a vida os nenos tiveron a posibilidade de que os seus maiores os puideran asesorar e orientar sobre perigos da vida. Agora temos algo novo que son as tecnoloxías, fundamentalmente Internet que inclúe tamén programas de mensaxería intantánea, redes socias... E temos un problema: os adultos, que en teoría son os que deben revisar o que fan os seus fillos, teñen un gran descoñecemento desas ferramentas. Entón, cando o rapaz pregunta algo atópase co problema de que os seus pais non dominan o tema. Por iso incidimos en informar a asociacións de pais para que estes se ocupen do asunto. Se antes un pai se preocupaba por saber onde andaba o seu fillo cando saía á rúa, agora ten que saber cal é a súa vida dixital.

-Cales son os principais riscos?

-Son varios. O que vexo máis destacado ultimamente e o «sextgin»: a divulgación de imaxes nas que se ensina o que non se debería e que se comparten dunha maneira tremenda a través das redes sociais. Incluso a nivel policial é moi difícil de frear. Estamos falando de algo que é delito: compartir unha foto dun menor espido é delito de pornografía infantil. Iso é algo que a xente moitas veces non sabe. E, sobre todo, os rapaces que as están divulgando por «wasap» non se dan conta do dano que provocan á vítima. A maiores ,poden estar a cometer delitos se son maiores de 14 anos. Advirto de isto moito aos pais. Non os quero asustar, simplemente que sexan precavidos e que se dean conta de que isto é algo moi serio. Se un rapaz recibe un arquivo deste tipo debe comunicarllo aos seus adultos e se se trata de alguén espido, debe informarnos a nós inmediatamente para tomar as medidas oportunas.

-Imaxino que estar preparados para falar constantemente de redes sociais e medios dixitais esixe unha actualización case que semanal...

-A primeira conferencia que demos foi en Burela. Daquela ao falar de novas tecnoloxías falamos de de «blogs», de correo electrónico e un pouco da privacidade da fotografía, pero non no contexto actual das redes sociais, do wasap. De todo iso non se empezou a falar ata fai pouco. As novas tecnoloxías de hoxe posiblemente dentro de tres meses cambien nunha porcentaxe do 20%.

-Entrando no terreo das drogas, como están informados os rapaces?

-Na sociedade pasamos de ter pouca información a ter demasiada e encontrada. Nas aulas teño que desmentir cercas cousas que os rapaces len por Internet. Hai intereses creados e, por iso, existen webs que fomentan o consumo de cannabis; noutras apórtase unha información segada, inadecuada, dirixida a adultos. En foros aconséllaselles mal. Lembro que me din moitas veces que ter unha planta de cannabis é legal cando non é así. O cultivo de droga é delito. Tamén me di non pasa nada por fumar un porro ou que o cannabis non é aditivo. Mentira. Hai estudos que din que produce adición na adolescencia. É máis doado de que caian nunha adición que un adulto. O que máis me preocupa actualmente é o alcohol. Hai estudos recentes que apuntan a que está aumentando o consumo entre os menores. Hai botellóns con menores. No entorno rural un rapaz vai con amigos maiores no coche porque son os únicos que o poden levar. Empezan a beber a idades moi novas. Trato de conciencialos. Non considero que eles teñan a culpa, en todo caso a máis pequena porque o alcohol permítese e tolerase dende moitos ámbitos. Vivimos nun país onde o alcohol é algo cultural.

Entrevista ramón Peña Pérez, formador da garda civil