«Debimos ter avanzado máis na constitución do Centro Comercial Aberto de Burela»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Fraga Otero destaca da súa etapa na presidencia, o traballo da directiva e o apoio que recibiu dos asociados

12 nov 2014 . Actualizado a las 10:00 h.

Os directivos da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA) deixarán os seus cargos a comezos da vindeira semana, unha vez realicen o correspondente «traspaso de poderes» aos novos directivos. Pedro Fraga cerra así unha fructífera etapa á fronte dun colectivo dinámico que apostou por iniciativas novedosas e arriscou na organización de grandes eventos. Asumiu a presidencia na primavera do 2012 e saiu relexido en febreiro do 2013.

-¿Que valoración fai da súa etapa á fronte da ACIA, cuns 180 asociados?

-Súper positiva, tanto a nivel de asociación como a nivel persoal. Non podía encontrar mellor xente para traballar codo con codo.

-¿Que lle aportou esta nova directiva á ACIA?

-Dinamismo. Cando nós collimos a asociación estaba bastante parada. Nós démoslle movemento e aportamos aire fresco. Apostamos por iniciativas e campañas importantes. Aínda lembro aquela gran campaña de Nadal, a primeira que fixemos. Nós o que intentamos foi aportar frescura para que os asociados volveran crer no asociacionismo do comercio e da hostalería.

-¿Gañaron moitos asociados?

-O número de socios, máis ou menos, se mantivo. Os primeiros meses fixemos unha captación de socios e creo que non sería mala idea que os directivos que entran agora volveran facer un novo repaso. Creo que en Burela hai moito comercio e moito autónomo que deberían formar parte da asociación.

-¿Que lles quedou por facer?

-Quedaron moitas cousas. Debimos ter avanzado máis na constitución do Centro Comercial Aberto para profesionalizar a asociación, coa idea de ter unha xerencia que se ocupara da xestión da asociación, co apoio dos socios, por suposto.

-¿Que foi o máis satisfactorio desta etapa?

-O máis satisfatorio foi traballar con xente espectacular na directiva e tamén o de sentirse respaldado polos socios. Como asociación tivemos o respaldo deles, de asociacións, do Concello... Tivemos unha gran sorte e creo que esta etapa profesional mereceu moito a pena.