Amosar o noso agradecemento polas feiras das San Lucas

MIGUEL SOUTO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN AS SAN LUCAS

A MARIÑA

04 nov 2014 . Actualizado a las 13:06 h.

Hai máis dunha semana remataba a 858 edición das Feiras das San Lucas, unha nova edición das que son as feiras máis antigas de Galicia, e das que os mindonienses nos temos que sentir moi orgullosos porque, sen dúbida, son un dos nosos tesouros. Como presidente da Asociación organizadora das feiras e festas das San Lucas e, polo tanto, no meu nome e no de todos os que conformamos esta asociación, queremos agradecer o traballo de todos e cada un dos que fixeron posible esta nova edición. Consideramos imprescindible trasladar a nosa gratitude a todas as institucións colaboradoras, a todos os participantes das actividades que se desenvolveron, así como a todos os visitantes, que se achegaron a Mondoñedo, desfrutaron, consumiron e mercaron. Tampouco nos podemos esquecer dos veciños, que conviviron e transixiron cos típicos trastornos que xera a organización dun evento destas características, e, nin tampouco e, sobre todo, dos que traballaron de xeito comprometido e desinteresado, para que esta edición fose un éxito.

Somos conscientes de que sempre hai cousas que mellorar e de seguro erros que emendar pero, non podemos ocultar unha certa tranquilidade, despois do esforzo realizado e tendo en conta os obxectivos acadados. Moitos negocios da nosa localidade transmitíronnos un bo balance económico desta semana de feira e, para nos, para a organización, sen dúbida é unha das razóns máis importantes polas que traballamos: que estas feiras xeren riqueza na nosa localidade.

Este ano queremos trasladar un agradecemento especial aos medios de comunicación, que, dentro da súa programación, ofertaron, cun protagonismo destacado, a promoción das actividades desta 858 edición das San Lucas.

Entre todos acadamos que un ano máis, ?a cidade tivese un oficial a soldo que, aveciñándose as San Lucas ? as nosas feiras máis antigas- saíse polas rúas e prazas a decretar o exilio do silencio e dispor comunal asento á algarabía feirante??. Así o dicía Cunqueiro alá polo ano 1956, no seu artigo ?Á feira en Mondoñedo?.

Agradecidos, de corazón, e convidándovos? deica as San Lucas do ano que vén, onde seguiremos mesturando a nosa cultura e a nosa tradición e onde o importante é a maxia de poder vivilo e contalo. Convidados quedades ás San Lucas do 2015, á Gran Feira en Mondoñedo.

?A cunca do val de outono, do ouro e da madurez do outono, como unha cunca de barro énchese de viño. Só por ver dende o alto a Mondoñedo entre o ouro e o verde de outubre e oir o rumor que sube do feiral: como o rumor do mar?. Álvaro Cunqueiro: Á Feira en Mondoñedo? Merece a pena.