A feira máis nova de Galicia

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS BOSQUE DE SILVA

A MARIÑA

19 oct 2014 . Actualizado a las 13:20 h.

Hai meses, pouco despois da apertura dos dous treitos da A-8 que quedaban pendentes entre Arroxo e A Xesta, un amigo comentoume que a posta en servizo de toda a autovía axudaría ás San Lucas. Agora, díxome, para un de Asturias é un paseo.

O que ningún dos dous podiamos imaxinar daquela era que As San Lucas chegarían a presentarse oficialmente en Xixón, en esquecer que tamén se fixo un acto semellante en Santiago, e que se promocionarían cun eslogan realmente interesante. ¿A quen non lle atrae descubrir as feiras máis antigas de Galicia?

A quen nunca estivo en Mondoñedo nestas datas de outubro o mellor que se lle pode dicir, sen que a un o dominea paixón sanluqueira, é que deixa de coñecer algo máis ca unha feira: unha sociedade, unha forma de vida, uns costumes que, xa o tempo o dirá, están nos derradeiros anos ou teñen a continuidade garantida.

Aínda se podería tirar proveito desa visita para unha pequena reflexión, non moi longa porque estamos en festas e sempre acompañada dun prato de polbo ou da deliciosa repostería de Mondoñedo -dito por alguén que se confesa, ademais de mindoniense, algo lambón-: ¿pode haber unha eficaz promoción turística de Galicia que prescinda dun reclamo como o das San Lucas? O arriba asinante, dende logo, pensa que non, e non só por ser mindoniense.

Pero o que calquera pode comprobar en Mondoñedo, sendo sanluqueiro debutante ou con anos de experiencia, é que estas son ademais as feiras máis novas de Galicia. Todo semella facerse con certa naturalidade, como se estivese aprendido dende hai tempo; pero se algo nos une aos sanluqueiros de calquera idade e condición é a xuvenil ilusión coa que agardamos, vivimos e lembramos estes días. ¿É doado atopar un capital humano semellante, entregado a unhas festas sentidas como propias? O arriba asinante, que tenta ser algo obxectivo pero que non nega a súa paixón sanluqueira, cre que non e que esa é unha das grandes caracteerísticas e unha das grandes forzas destas feiras.

Por iso, pois, ¿quen pode ofrecer ao mundo a feira máis nova de Galicia, xurdida aló por 1156? Mondoñedo.