A última palabra de Afonso VII antes de morrer foi «Mondoñedo»

s. c. MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

O profesor Antón Meilán -á dereita- abríu onte co pregón as festas e feiras mindonienses.
O profesor Antón Meilán -á dereita- abríu onte co pregón as festas e feiras mindonienses. andrea gonzález< / span>

A. Meilán, pregoeiro nas San Lucas, pedíu unha estatua para Pardo de Cela

17 oct 2014 . Actualizado a las 16:30 h.

En verdade moi interesante o pregón de Antón Meilán onte á noite abrindo as San Lucas en Mondoñedo. Comezou lembrando as orixes, de cano aló polo 1156 o rei Afonso VII de camiño para Asturias fixo noite en Mondoñedo quedando prendado da fermosura dese lugar.

Outras crónicas, máis do pobo (con probabilidade máis certas) contan que namorou esa noite dunha mindoniense e para recompensala quixo que o nome de Mondoñedo fose lembrado para sempre. Afonso VII, de feito, cando morre produto dunhas estrañas febres e entre delirios a última palabra que pronunciou foi, disque, «Mondoñedo». Todo iso foi narrado onte polo pregoeiro, o profesor Antón Meilán.

Tamén lembrou, naturalmente, as súas lembranzas das San Lucas dende a nenez, «cando eu era pequeno, aínda os postos de venda se distribuían por gremios de tal maneira que se tu querías mercar algunha cousa en concreto, sabías a onde tiñas que ir». Estendeuse falando das feiras e festas da súa cidade episcopal para pasar de seguido a lembrar a figura do mariscal Pardo de Cela.

«As San Lucas dende fai dous anos que se atopou o testamento de Pardo de Cela están e estarán vinculadas a este rebelde señor feudal» para máis adiante engadir, «e por suposto, mindonienses, está enterrado na catedral de Mondoñedo».

Antes de rematar a lectura do seu pregón, Antón Meilán -facendo súa unha petición anterior do profesor e doutor Francisco Mayán, cronista da cidade e tamén pregoeiro nas San Lucas- pediu «a todas as forzas políticas sen excepción, así como a todos os mindonienses, que se lle faga unha estatua ao mariscal na praza onde foi cruelmente axustizado; quéirase ou non se queira, forma parte da historia máis negra de Mondoñedo e da historia máis sanguenta de Galiza». E felicitou á raíña e damas de honor das San Lucas.