Néboas en Mondoñedo

FRAN BOUSO, PROFESOR E ESCRITOR

A MARIÑA

19 sep 2014 . Actualizado a las 15:18 h.

Na segunda metade da década dos noventa, o cartel de As San Lucas non foi obra de Xosé Vizoso, quen por certo inaugura unha exposición este sábado no antigo Centro Comarcal con moitos deseños entre eles unha boa presada dos feitos para promocionar as feiras e festas máis antigas de Galicia.

No ano 96 ou 97 promocionábanse as feiras do outono mindoniense cunha imaxe de Xulio Villarino na que retratou o mar de néboa de Mondoñedo, daquela aínda non tiñan comezado as catas xeolóxicas para a construción da A8. Aquela imaxe inspiroume un texto parecido a un poema que di así: Néboa,/manta branca que cubres a cidade,/que humedeces os miolos e pesas nos corazóns/FUXE!./Néboa,/mar de agua branca que bañas a cidade,/que fas vivir,/imaxinar./Queda!. Esa imaxe e a reflexión para o texto fíxome aprender que neste mundo nada é absolutamente bo nin absolutamente malo e de todo, por moi indesexado que sexa, podemos sacar algo positivo e de algo que semella ideal tamén poden aparecer aspectos negativos.

Desde que se abriu a Trascantábrica a néboa volveu ser protagonista na comarca de Mondoñedo, moito máis desde un fatídico día de verán no que a desgraza quixo dar a coñecer ao mundo onde queda o Fiouco. A néboa está e non está e estea ou non estea é noticia.

Eu non sei en que quedarán as melloras que se están a facer na A8 ao seu paso por Mondoñedo, pero para moitos condutores ese tramo estará marcado para sempre e non quererán volver por alí. Por outra banda, por moitas medidas que se poñan para minimizar o impacto da néboa sobre o tráfico non hai que esquecer que o vento é outro dos factores que pon en perigo a circulación por ese tramo e que o vento é especialmente violento cos vehículos pesados polo que se aplicamos o ?sentidiño? moitos camións terán que ser desviados pola estrada N-634 ao seu paso por Mondoñedo, vial que se atopa nun lamentable estado de conservación, sobre todo en cando a firme. Pois ben, poderase tardar máis ou menos e iso é unha cuestión de vontades, pero a necesidade está aí.