Fillos do noso pasado

JOSÉ V. PEINÓ

A MARIÑA

14 jul 2014 . Actualizado a las 19:10 h.

Adoitan dicir os alumnos fronte ás leccións de Historia: ?Para que nos serve todo iso? Son cousas do pasado que están mortas!?. A xente de idade, porén, acostuma contar historias de hai moitos anos, dándolles un gran valor, así que é de supoñer que as cousas do pasado de algo servirán, digo eu. No fondo, a todos nos gusta saber de onde vimos, cal é a nosa orixe (unha das tres preguntas transcendentais, xunto coa de ?quen somos?? e ?a onde imos??), e a todos nos gustaría ter a posibilidade de poder viaxar no tempo e non só prever o que vai pasar dentro duns anos, senón tamén contemplar in situ o que pasou tempo atrás.

Porque o pasado, e en especial certas épocas, teñen enganche para nós, tiran do noso interese con forza inusitada. Os de Alfoz e Mondoñedo escolleron viaxar ata o medievo e vestirse de cabaleiros, doncelas, monxes ou leprosos; os de Viveiro regresaron á época de Leonardo da Vinci e Erasmo de Rotterdam; os de Burela máis atrás, ata as míticas orixes de Galicia; en Foz recrean as medrosas invasións dos guerreiros normandos que chegaban matando e roubando dende as terras frías do norte; en Ribadeo recuperan a época en que algúns emigrantes galegos regresaban enriquecidos de facer as Américas e construían fermosas mansións de estilo indiano; en Ferreira do Valadouro, no Mercado de Primavera, volven vivir a época en que o traballo da terra aínda era habitual e xeneralizado... Non hai moito caeu nas miñas mans o libro ?Yo fui a E.G.B.?, unha memoria chea de detalles sobre a vida diaria dos nenos dos anos oitenta que encheu de sorrisos e de nostalxia a miña memoria.

Todo isto son regresos ó pasado, recordos de imaxes, roupas, músicas, cheiros e sabores que caracterizaron coas súas peculiaridades etapas da vida e da historia xa rematadas. Aínda que non sexa verdade, sempre semella que as cousas pasadas foron mellores. Eu aconsello que nos fixemos moito en como vivimos agora, que gravemos na nosa memoria os pantalóns vaqueiros, as camisetas, os móbiles, os portátiles, a celebración de botellóns, os piercings...

Dentro dalgúns anos (non moitos) todos eses detalles nos servirán para recordar e debuxar outra páxina do pasado, outra época da historia (a que agora é actual) e entón talvez volveremos sentir nostalxia do que estamos vivindo agora.