En Ribadeo poñen a primeira pedra da futura residencia de maiores

E. M. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

FOTO MIGUEL

«Hoxe pasamos das palabras aos feitos», sinalou Fernando Suárez

25 jun 2014 . Actualizado a las 07:06 h.

En Ribadeo puxeron onte á tarde a primeira pedra da futura residencia de maiores. «Hoxe pasamos das palabras aos feitos», sinalou o alcalde, Fernando Suárez. Mentres, o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, lembrou o compromiso da Deputación «con Ribadeo e co benestar social da súa xente e demóstrase nesta actuación á que se destinan 1.828.000 euros».

Eran as 20 horas de onte cando comezaron as obras de construción da residencia de maiores nos terreos situados na rúa Francisco Lanza. Ademáis do alcalde e do vicepresidente da Deputación, asistiron a concelleira de Servizos Sociais, Teresa González; membros da plataforma pro-residencia de maiores e demáis concelleiros da corporación local xunto con algúns veciños.

«Hoxe pasamos aos feitos, das palabras e dos compromisos por escrito aos feitos reais de ver como as máquinas, os obreiros, van converter dentro de moi poucos meses o que era un espazo totalmente abandonado nunha das mellores residencias da comarca da Mariña», resaltou o rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez.

«Foron moitos anos de loita, de xuntanzas, de viaxes, dunha mobilización que contou co apoio de máis dun milleiro de persoas, que saíron á rúa para demandar esta instalación e que nos deron o aliciente para que isto poida ser unha realidade», engadíu.

«Este día, ao igual que o pasado 28 de novembro cando demos a coñecer o apoio da Deputación de Lugo a esta residencia, é unha das xornadas máis especiais da miña vida política; é unha enorme emoción para min, para os compañeiros de goberno e creo que para toda a corporación; por fin despois de moitos anos, de moito esforzo por parte de todos, vamos ter unha residencia de maiores», subliñou Suárez que destacou varias veces o apoio único da Deputación, da vicepresidencia primeira. Criticaron con dureza á Xunta por desatender esta obra.