Hai dez anos que naceu a Asociación de Sendeirismo Pasada das Cabras

ALFREDO LLANO

A MARIÑA

12 mar 2014 . Actualizado a las 14:29 h.

Hai dez anos que inventamos a Asociación Deportiva de Sendeirismo Pasada das Cabras de Burela sendo a primeira ruta, a da inauguración, do Acevo á Fonsagrada de 12 quilómetros. Participaran nela cincuenta sendeiristas que coinciden cos primeiros cincuenta socios que tivo a asociación.

Os socios fundadores podemos amosar a nosa satisfacción por apoiar un proxecto deportivo que é válido para todos os públicos e que, entre outras cousas, integra actividade deportiva, natureza, etnografía, medio ambiente, historia, botánica, turismo, socioloxía, paisaxe, monumentos, lugares, pobos, cidades, gastronomía e solidariedade.

En dez anos percorremos máis de tres mil quilómetros por sendeiros de Asturias, León, Cantabria e das catro provincias Galegas. Con base en Burela establecemos contacto e relacións con todas as asociacións de sendeiristas da Mariña e compartimos e participamos xuntos en moitas rutas das existentes na Comarca como, por exemplo, a do Monte Castelo de Burela que concentra socios de afiliación asturiana e de toda a provincia lucense. Tamén podemos presumir de ser coñecidos internacionalmente xa que en moitas rutas contábamos con representantes estranxeiros que estaban convivindo na nosa localidade por intercambios profesionais ou de estudio.

A ruta realizada este pasado sábado, día 8, entre Bustelo (Asturias) e Paradanova (Fonsagrada) elixímola pensando no décimo aniversario da asociación, para revivir a primeira experiencia, pero tamén foi elixida para poñer en valor o Camiño Primitivo, xa que nese tramo é un monumento natural digno de ser experimentado. Ese día amañeceu con todos os compoñentes posibles en positivo. Cada paso que dábamos estaba conformado por unha paisaxe colocada adrede para que gozáramos de unha beleza constante. Andar así non é andar, é deixarse ir. Ese día vimos moitas postais formadas por montañas nevadas, vales con néboa intensa que parecía mar en calma, aves cantando, regos e fontes de auga pura e sorrisos nos camiñantes.

Parte da natureza

O sendeirismo ten estas cousas que motivan a vivir e a compartir esa vida, sentirse parte da natureza e comprometerse con ela, facer deporte mentres se len enciclopedias multitemáticas e coñecer xentes e lugares. Pasada das Cabras cumpre dez anos pero todos sabemos que isto non é nada comparado co que lle queda. Animámonos?