«Cooperar prodúceme un grao de felicidade enorme»

Inmaculada Eiroá González
INMA EIROÁ ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Este alfocense, con tres carreiras, leva tempo de labor solidaria

06 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Pedro Reimunde aproveita os días que lle quedan antes de partir para Camerún, para cargalas pilas na súa casa natal de Alfoz, tras facer os exames do MIR. Chama a atención o currículo deste xoven médico, que aos seus 32 anos é tamén licenciado en INEF e Fisioterapia, profesor desta última área na Universidade de A Coruña, destacado investigador, deportista, e persoa solidaria e comprometida.

-¿Como xurdiu a idea de marcharse a África?

-Na Academia onde preparamos o MIR xurdiu a posibilidade de irme con outros médicos a Camerún coa ONG madrileña Zerca y Lejos. Estou interesado en estes temas, xa estiven en varios momentos en África (Senegal, Guinea Bissau) e en latinoamérica (Guatemala) e xurdiu a posibilidade de colaborar con eles como médico e voume o día 12, dende Madrid, ata o 14 de marzo. Estou alí un mes. Chegamos a Yaundeé o 13, facemos a noite alí e logo vamos a Djoum, onde teñen o centro base e dende alí nos desprazaremos cada semana a un poboado distinto.

-¿Cal será a súa labor?

-Esta ONG ten proxectos de cooperación na comunidade de Madrid e en Camerún. Alí ten proxectos de cooperación relacionados non só coa medicina, senón coa educación e incluso con infraestruturas, de tipo social e de necesidades básicas. Eu vou para cooperar como médico, sobre todo en proxectos relacionados coa educación sanitaria, coa sanidade pospediátrica, con enfermidades infecciosas e tamén vou facer un pouquiño de filtro para poñer en relación con especialistas de España á xente que o necesita alí, para darlles unha solución.

-¿Traballará nalgún hospital?

-Vamos a tres dispensarios que traballan todo o ano; alí hai cooperantes de larga estancia, que traballan un ano ou dous, e tamén os que van e volven o tempo que poden, e xente de alí, contratada e que se forma alí, que traballan como enfermeiros, técnicos de saúde...Mais ben son zonas rurais, na selva. Eu vou como médico, pero si fai falla facer calquera outro tipo de traballo, faise o que sexa preciso.

-¿Como compaxina esta labor? ¿Aquí sigue sendo profesor?

-Si, sigo sendo profesor, pido permiso no departamento de Fisioterapia e intento compaxinar as clases para irme un mes. E no de Medicina, estou agardando pola nota do MIR e ata abril que é cando teño que elixir especialidade, teño tempo.

-¿Que o move a participar?

-Eu estou en pañales nesto da cooperación. Doume conta de que quero dedicarlle parte da miña vida, pero é moi complexo, non é tan simple como ir, axudar e volver. Hai que ter coidado (...) deben facerse accións e proxectos ben deseñados e con coherencia cultural. (...) Teñen que ser accións ben pensadas e deseñadas para ser útiles a longo prazo para eles, non para o que as fai. A min prodúceme un grao de felicidade enorme, neste senso son un pouco egoísta, pero hai que ter coidado co que se fai, para que sexa efectivo a medio e longo prazo para a xente. Tamén quero comentar que na páxina web da fundación "www.zercaylejos.org" pode facer doazóns libres (...)