Erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría

ASOCIACIÓN CULTURAL AZOU, RIBADEO

A MARIÑA

06 dic 2013 . Actualizado a las 22:40 h.

Vermello, verde, lila, azul e branco. A nosa estrela ten as cores diversas das loitas e dos soños que fixeron avanzar a humanidade. Miramos e construímos a utopía, camiñamos cara ela desde esta terra e este tempo. Con Castelao: «Hai unha forza que nos empurra cara o mundo e outra que nos xungue á terra nativa».

Somos de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Do London Calling de The Clash. Da Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia de Lois Pereiro. Bailamos co Anticapitalista de Skip&Die. Coa Love Jihad versionada por Bette Pardo & Laura Pazos. Cos Túzaros e Negu Gorriak e Los Chikos del Maíz. Con Boris Vian e Saramago e Aimé Cesaire. Non somos, non queremos ser, da Europa branca do capital, senón do mundo diverso, erguido, en pé, d`As nacións escuras de Vijay Prashad.

Tomamos clara e abertamente partido: República Galega. Soberanía desde o pobo, democracia real, dereitos sociais e nacionais, liberdade. Recoñecémonos no mundo que está por construír: nos feminismos, na diversidades cultural, lingüística, sexual, no ecoloxismo, no respecto fronte á tolerancia, na xustiza fronte a caridade, na creatividade activa fronte ao consumo pasivo. Asubiamos, caixando cara Porcillán, a Redemption Song de Bob Marley.