«Ao principio dicían ¿que vai facer esta pícara?, pero logo me integrei con todos»

ana f. cuba ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Lorena Losada Pardeiro (Adelán-Alfoz, 1974) cumprirá, o 22 de febreiro, 13 anos como camioneira

29 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

De pé vese unha muller miúda. Pero sentada ao volante do tráiler medra ata volverse unha xiganta, unha das poucas camioneiras de A Mariña e de toda Galicia. Lorena Losada Pardeiro (Adelán-Alfoz, 1974) cumprirá, o 22 de febreiro, 13 anos no oficio, unha profesión tradicionalmente masculina, á que seu pai dedicou boa parte da vida. «Na casa había camións dende hai 25 anos», conta. Ela rematou a EXB, traballou nalgún comercio, «pero os soldos eran cativos». E decidiuse a quitar o carné de camión, «por telo».

Ata que seu pai propuxo mercar un camión novo -o que tiñan «xa ía vello»- e nunha viaxe a Pontevedra para cargar madeira lle plantexou o reto: «Era un luns pola tarde e díxome ?imos, pero ti no teu camión (o novo) e eu no meu?». O vehículo que guiara na autoescola tiña pouco que ver con aquel tan moderno. «Imos de noite e así non estorbas a ninguén pola estrada», suxeriu este chófer veterano, hoxe xubilado. «Botei unha semana indo de noite e despois xa conducía cando me parecía a min», confesa Lorena.

Os primeiros anos viaxaba moito ao sur: «Todo o eucalipto que se producía aquí ía para Ence, en Pontevedra (o pino, para Rábade, Finsa ou San Sadurniño), e de volta traiamos troncos ou táboas do porto de Vigo para López Pigueiras (en Viveiro); despois dividiron as zonas e de Santiago para aquí, a madeira vai para Navia (á planta de Ence)». Cando empezou, o tráiler non tiña grúa, ía ao monte e esperaba a que lle cargaran o remolque co tractor, «amarrábao e saía». «Déuseme moi ben, dende o principio», asegura. Agora encárgase ela de manexar a grúa e o traballo axilízase moito.

Ten oído moitas veces comentarios do tipo ?isto é un traballo de homes?, ?que vai facer esta pícara...? Logo vai parar, é imposible?. «Pero viron que seguía e integreime moi ben con todo o mundo, hai moito compañerismo», anque non faltan as envexas e os amigos «son contados». Ás veces, conta, en Vigo ou en Vilagarcía, tiña que quitar os fungueiros e sempre atopou quen lle botara unha man para amarrar. «Faladurías houbo, pero eu problema non tiven. Non supón un esforzo físico, pero desde que te ergues, ás cinco ou ás seis da mañá, tes que estar esperta, non vale un despiste». A ela non lle custa manter a concentración: «Iso si, a emisora (coa que se fala cos colegas) e a radio que non me falten».

Durante anos acompañábaa a cotío súa nai. Agora queda na casa para coidar a Carmen, a neta, de tres anos. «Empecei xa casada e por quen máis tirei adiante foi por meus pais e miña irmá; ao meu home parecíalle demasiado traballo, non é que non confiara en min...». O marido, mecánico, constitúe outro eslabón básico da cadea. Como repite a nena, «mamá anda no camión e papá arregla o camión de mamá». El repara as averías ás noites ou os sábados para que Lorena non perda de traballar.

Cando naceu a filla, «unha experiencia moi boa», parou durante un ano, e agora aproveita para disfrutar dela as fins de semana e sete días de vacacións en setembro, cando descansan os maderistas. «Conciliar a vida laboral e familiar é difícil, tantas horas na estrada». Pero Lorena ten claro que atinou co oficio.

Lorena Losada Pardeiro, de 38 anos

Camioneira

O camión, onde bota tantas horas, coa nena, á que tanto lle gusta o tráiler

«A filla, de tres anos, di: ?mamá anda no camión e papá arregla o camión de mamá»