«Gústame que meu pai me diga que o fixen ben»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

O rapaz viveirense acadou este novo triunfo tras os logrados o ano pasado, co club Lucus Caixa Rural

19 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

O viveirense Adrián Ben Montenegro volta do IES María Sarmiento onde cursa segundo de ESO coma un día calquera. Este rapaz de 13 anos que soña con estudar INEF de maior vén de acadar en Monterrei (Ourense) o posto de subcampión galego de cross (categoría cadete) co club Lucus Caixa Rural.

-Corre...

-Dende primeiro de primaria.

-E gaña...

-Lembro o primeiro campionato galego que gañei, o ano pasado fíxeno no de 80 metros lisos, fun subcampeón galego en salto de lonxitude e terceiro en mil metros. O domingo pasado foron os campionatos cadete e xuvenil, clasificacións distintas. O chiste foi que dos catro primeiros da xeral, o segundo, terceiro e cuarto eran cadetes do primeiro ano, é decir, os máis pequeniños.

-Vexo que as novas xeracións veñen pisando forte en atletismo..., nunca mellor dito.

-Vamos ter un equipazo. Emocióname ir aos campionatos, correr. Gústame que meu pai diga que o fixen ben e que está orgulloso. El sufre igual ca min... pero non corre.