A Real Academia Galega rendeu tributo a Pastor Díaz

dolores vázquez A CORUÑA / LA VOZ

A MARIÑA

O acto do bicentenario do intelectual viveirense celebrouse en A Coruña

02 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Real Academia Galega trasladouse fai cen anos a Viveiro para facer patria e lembrar o nacemento de Nicomedes Pastor Díaz Corbelle, onte esa homenaxe, no 200.º cabodano, fíxose na rúa coruñesa que leva o nome deste político e escritor ao que Murguía denominou «o primeiro», tal como recordou o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, antes da ofrenda floral que lle fixo, acompañado do reitor, José María Barja, que, pola súa banda, destacou que o intelectual foi durante dous anos, do 1847 ao 1850, reitor da Universidade de Madrid.

Barja non dubidou a sumarse ao berro «Viva Viveiro», en honor a Pastor Díaz, e matizou, con certa retranca que aos de Mondoñedo, como é el, non lles doen prendas en gabar a figura do viveirense.

Méndez Ferrín fixo un percorrido pola vida do «romántico por excelencia». «Político moderantista tiña o dolman académico e diplomático costelado con todas as cruces, medallas, colares e bandas da pompa isabelina, que Valle Inclán habería de reducir a vil morralla no Ruedo Ibérico», explicou o presidente da RAG sobre Pastor Díaz, do que destacou que «brillou na oratoria», deixou descricións nas súas novelas de espazos singulares tanto de Viveiro como de Galicia, e tamén tivo un acercamento ao xornalismo con «artigos de alta voltaxe conceptual que electrizaban aos lectores tanto afíns como os politicamente contrarios». Tamén citou a súa obra poética, «algunha en castelán e pouca en galego, e como poeta resulta un paradigma do romanticismo nórdico e misterioso», dixo Ferrín, que lembrou que Pastor Díaz finou no 1863, un «lustro antes do máis brillante e gozoso estoupido de liberdade».

O acto levado a cabo no cruce das rúas Pastor Díaz e Ramón y Cajal pechouse coa música de Cantigas da Terra, a que precedeu a intervención de Luz Pozo, que recitou Alborada, o poema polo que Pastor Díaz colleu o alcume do primeiro, polo uso do galego, pese a que houbese outros precedentes como Cornide ou Sarmiento. Como fin da homenaxe coruñesa, a sede da RAG acolleu unha sesión académica.