Aplicar a norma

Farruco Graña

A MARIÑA

Cda certo tempo sae á palestra algún tema que provoca o debate entre a veciñanza. Nesta ocasión, na ágora ribadense asistimos á polémica xerada en torno a un expediente aberto a unha das persoas que vive no piso tutelado do Concello. Tras o impago de varias cotas, parece normal que se tome algún tipo de medida. Non pode ser que defendamos, sen máis, que o incumprimento da norma sexa premiado coa pasividade da administración. Outra cousa é que haxa que ter en conta que, á hora de tomar medidas, estas sexan concibidas para corrixir unha inxustiza e non para provocar outra aínda maior.

Acredito na capacidade de traballo e de diálogo da concelleira responsábel da área de servizos sociais, teno demostrado en mil e unha ocasións na nosa comunidade. Foron múltiples os intentos de lle facer ver á persoa afectada que tiña que mudar a súa actitude. Pero, polo que se ve, non houbo maneira. Pois ben: con tacto, pero con firmeza, o regulamento ten que ser aplicado a todos por igual. Que uns paguen e alguén desatenda as súas obrigas coa comunidade sen causa aparente non é xusto.