O encontro do Observatorio da voz ás mulleres, en Mondoñedo

a.f.c. MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Participan figuras destacadas do eido literario, musical e audiovisual

22 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O debate cultural adquire tintes femininos, hoxe en Mondoñedo. O Observatorio da Mariña Pola Igualdade promove un encontro de figuras destacadas no eido literario, musical e audiovisual, co que pretende fomentar o debate e contribuir á dinamización social. As actividades comezarán ás 10.00, na Casa da Xuventude, e continuarán ata as 20.30 horas. «Está concibido como espazo de debate e lecer no que pór en valor o traballo desemvolto polas mulleres galegas no ámbito cultural», suliñan desde a organización.

Na primeira mesa redonda intervirán Carmen Blanco, Marica Campo e Teresa Moure, que falarán do feminismo e a creación literaria das galegas. Ás 12.30 arrancará a discusión en torno á música, coa presencia de Guadi Galego, Olga Nogueira e Ugía Pedreira. Diana Gonçalves, Margarita Ledo e Carmen Rábade abordarán o papel das féminas no cine en Galiza, a partir das 16.00. O encontro finalizará con dúas proxeccións: a primeira, ás 18.15, coa curtametraxe Bata por fóra, muller por dentro, de Claudia Brenlla. Tras escoitar as reflexións que xurdan poderase ver o documental Mulleres da raia, de Diana Gonçalves, sobre o que tamén se abrirá un tempo de análise, antes de rematar.

O xantar de convivencia terá lugar no restaurante A Taberna do Valeco, situado no barrio dos Muíños. Este primeiro Outono Feminista tenta acadar a maior participación posible.