De fútbol, a peña das dez, un 600 «excepcional» e As San Lucas

La Voz

A MARIÑA

16 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando se prexubilou, Eulogio quería estudiar inglés e gaita (toca a filarmónica). Os plans torcéronse polas obrigas domésticas, pero este outono vai empezar as clases musicais. De rapaz xogaba ao fútbol, no equipo do barrio da Fonte Vella, que se enfrentaba a diario co da Rúa de Pumar na praza do Seminario. O campo de Mondoñedo non dabas as medidas esixidas pola Federación e fichou polo Ribadeo (de interior), na Liga das Rías Altas. Despois veu o fútbol sala, en Lourenzá. E agora quédalle o tenis, que xa practicaba daquela, no clube San Cibrao. Outra afección (ademais do Real Madrid) é a conversa cos amigos. Pertence á peña das dez, que se reúne cada mañá no Café Central, en Mondoñedo (algún vén dende Lugo; está ata o alcalde). Tamén lle gustan os coches, sobre todo aquel Seat 600, matrícula 611.862 B, «excepcional», con volante de madeira, cadro italiano e moitas luces. E As San Lucas, andar entre os cabalos e comer o polbo. Iso que agora non veñen os extremeños cos camións ateigados de mantas, «un espectáculo», coma os paxaros, as figuras de barro «e as imaxes de santos cristos».