«O prezo do mel manterémolo aínda que hai menos produción»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

Quince apicultores concurren á clásica cita en Ferreira do Valadouro

06 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ferreira do Valadouro acolle este sábado unha nova edición da Feira do Mel. Apicultores do val e doutras localidades mariñáns acuden a esta tradicional feira na que os visitantes poderán degustar e mercar mel e outros derivados deste produto e, de paso, disfrutar das actividades ecuestres que organiza ese mesmo día Apreval e a Federación Hípica Galega nas inmediacións do recinto onde sempre se celebra esta feira.

-¿Cántos participantes haberá na Feira do Mel?

-Contamos con dezaoito ou dezanove postos, dos cales cinco non son de mel; virá un do colectivo Fadega, con un taller demostración de velas ornamentais feitas con derivados do mel, outro de pan de Cea que traerá este ano licor de mel, unha novidade, e tamén posto de produtos ecolóxicos, con castañas, cebolas e outros produtos de horta. Produtores de mel virán quince, dos cales, un 90% son do Valadouro e o resto de Cangas e Burela.

-¿A qué prezo vai o mel este ano?

-Os produtores que se instalarán na carpa acordaron mantelo igual que o ano pasado; o kilo a 6,50 euros; o litro a 7,50 e o medio kilo a 3,50 euros.

-¿Foi boa a produción?

-Este ano hai menos debido a que o tempo non foi bon para a floración do eucalipto e da flor silvestre. Por eso non virán algún dos produtores que acudían outras edicións, porque non teñen para traguer, sobre todo os da zona do Cadramón e Oiras.

-Pero a calidade será boa.

-Si; a mostra e que temos unha veciña, Maria Fe Sixto que sempre acada premios nas catas ás que se presenta.

-O feito de levar 24 anos celebrándose demostra que é unha feira consolidada e que ten boa acollida

-Si, pero este ano colleu a moitos de sorpresa que fora tan cedo. O certo é que se celebra coma sempre, o segundo sábado de outubro, pero a xente asociao ao Pilar. Elixeuse esta data para non solaparse con outras feiras e tambén porque a estas alturas xa está recollido o mel.

-¿Ten repercusión a feira na economía local?

-Si, é interesante porque xera movemento de poboación e o que acude tanto entra a tomar algo nun bar ou a mercar e para os produtores tamén.

-¿Os apicultores teñen que pagar por participar?

-Non. Só se lles esixe a súa presencia e que ofrezan unha proba do mel que cada un comercializa. A feira abrirá de dez a 13.30 e a media mañá se sorteará unha cesta de produtos derivados do mel entre os asistentes. Tamén haberá degustacións.

juan novás coordinador da XXIV Feira do Mel