Eseguimos ás voltas coa «xestión» dubidosa que mantén o presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Trabada, Daniel Villapol.
Dita comunidade foi constituida inicialmente por unha serie de veciños. Posteriormente, ao ser coñecedores moitos outros veciños do lugar dos dereitos que lles confería o residir en Trabada, solicitaron a súa admisión como comuneiros e, tras unha negativa do resto dos comuneiros teledirixidos polo seu presidente e un longo e arduo proceso cheo de obstáculos e zancadillas, houbo que chegar aos xulgados.
O resultado foi unha sentenza firme que admite de forma directa a 23 veciños dos máis de 40 que o tiñan solicitado, pero que non souberon presentar papeis dabondos para acreditar a súa residencia e que o farán proximamente no Xulgado como os outros 23. Sen embargo, non ocorre asi no caso de catorce novos comuneiros, entre eles dous dos fillos do presidente, que agora si son admitidos por votos favorables na asamblea do recente 21 de agosto e unicamente acreditando a documentación de residencia ante a Comunidade. ¡A dobre vara de medir éche como o virgo de Xoana!
Nesta asemblea xeral ponse novamente de manifesto un xeito de actuar máis que cuestionable, inaceptable e que vulnera a defensa dos dereitos dunha parte dos veciños da localidade.
Algunhas das extravaganzas, chamémoslle así, do presidente son, por exemplo, que o voto sexa a man alzada e se é negativo, hai que xustificar o porqué (vaia manipulación máis vergoñosa e violación da liberdade de expresión e opinión, cando moitos somos persoas de idade, non temos altos estudos nin capacidade de oratoria ou simplemente estamos rodeados de moitos veciños e un ambiente bastante hostil), tampouco permite o acceso á asemblea máis que de comuneiros e denega que calquera destes sexa representado por letrado ou outro designado por poder notarial que vele polos seus dereitos e sí deixa pasar a unha persoa do seu interese.
Chegar aos xulgados
Tamén é moi chamativa a actitude do señor alcalde de Trabada, Yanes Ginzo, de non apoiar a inclusión dos veciños como comuneiros, feito perfectamente entendible e no seu dereito, como calquera outro comuneiro, aínda que non así as declaracións que lle sobraban como representante dun pobo e defensor dos intereses xerais e non particulares e, sobre todo, a actitude obstaculizadora e partidista que leva dende o Concello. Pero isto non é nada novo e xa está incurso noutras causas que quedan á marxe do que agora nos incumbe.
É triste ter que chegar aos xulgados para facer valer os dereitos malgastando tempo e recursos nestes difíciles tempos que vivimos porque por capricho duns «señores» que, como eles din, lles da igual gastar do de todos e que aínda que recoñecen «en off» o teñen todo perdido, tan só están a gañar tempo e empobrecendo os petos dos demáis.
Aínda así queremos manifestar publicamente que estamos fartos de manipulacións e medos, e chegarase aonde sexa necesario para velar polos intereses dos nosos fillos, polo que visto o visto teremos que seguir nos xulgados, así que presidente, como xa che advertimos na asemblea, vai desempolvando as contas que pronto vas ter unha auditoría, pois non basta con repartir bombóns, paraugas, chandals e algunha que outra desorbitada enchedoirada para xustificar os beneficios das cortas que, polo visto ou máis ben non visto, deberon marchar con Curro pro Caribe.
P.D: O tempo dos tontos e dos caciques acabouse.
Firmado: Asociación de Veciños de Trabada afectados pola Comunidade de Montes veciñais de Trabada.
xente de aquí