De recortes e ambulancias en Foz

J. Ramón Val Alonso

A MARIÑA

08 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Considero a política como o arte do bo goberno que debe de buscar, e ter como único obxectivo, o ben común.

Partindo desta idea, entenderedes todos que non logre comprender as últimas decisións que se están tomando por parte do actual goberno da Xunta de Galicia e que afectan directamente, unha vez máis, ó concello de Foz. Parece incrible pero calquera medida de recorte que leva adiante este goberno apunta xa de primeiras ó noso concello e esta vez, volve a ser así. Refírome principalmente á redución do servizo da ambulancia asistencial do 061 que ten base en Foz e á supresión do médico de urxencias que atende polas tardes no centro de saúde.

A xustificación desta medida por parte da Consellería de Sanidade é a busca da eficiencia, o que para os profanos significa manter e ofrecer o mesmo servizo utilizando os mínimos recursos, agora ben, o problema está en que os gobernantes concretamente, a conselleira, Pilar Farjas, e o noso alcalde, Javier Castiñeira, non se dan ou non queren darse conta de que con este recorte o servizo non poderá ser nunca o mesmo.

Non é do meu agrado que se intente tomar unha medida de recorte no benestar social dos administrados baseándose na eficiencia de utilización dos recursos públicos cando isto non é así. A día de hoxe, o concello de Foz ten os servizos dunha ambulancia asistencial as 24 horas e é base dunha ambulancia medicalizada que dá servizo a toda a Mariña. Tan só no mes de xullo, entre as dez da noite e as dez da mañá, a ambulancia asistencial que pretenden eliminar, realizou sesenta traslados. A súa supresión obrigará a enviar ambulancias dende outros puntos da comarca o que incrementará en boa medida os tempos de asistencia para os veciños, non só de Foz, senón tamén do resto da Mariña.

Aínda así, os gobernantes seguen sacando da manga diversos argumentos, pretenden facernos ver que suprimindo este servizo en horario nocturno quedará igualmente garantida a asistencia, e por riba aínda teremos que agradecer a permanencia da ambulancia medicalizada. Un vehículo complementario que se debe de ocupar doutro tipo de traslados normalmente de maior gravedade, e que acabarán por converter en substitutivo, pois moitas veces terá que deixar de facer os seus cometidos para asumir os da ambulancia eliminada.

Os cidadáns focenses, entre os que me incluúo, non entendemos o porqué deste recorte, que se disfraza entre a austeridade do goberno e a busca de eficiencia, non podemos crer ningún destes motivos, sobre todo cando estamos vendo como se invirten miles de euros noutros proxectos de bastante menor importancia, cando se anuncian investimentos tódolos días, cando lle dan á Mancomunidade de municipios da Mariña 12.000 euros non sabemos para qué... ¿tan só hai que buscar a eficiencia en Foz e nun servicio imprescindible?

A sanidade pública para este goberno é un estorbo do que se queren desfacer rapidamente, e pretenden comezar pola nosa comarca. A situación de deterioro que sofre A Mariña non ten outra explicación que non sexa o claro obxectivo por parte do Goberno do Partido Popular de redución dos servizos sanitarios e potenciación da sanidade privada. É unha estratexia clara que por desgraza camiña a pasos axigantados día sí e día tamén.

Non, non podemos permitir que se leven a adiante estes recortes no Concello de Foz. Non podemos deixar que todo o conseguido por gobernos anteriores se bote por terra. Debemos avanzar cara adiante e non cara atrás. Pero se se recorta en servizos de primeira necesidade, ¿que vai pasar con todo o que anunciou o PP na campaña electoral para o noso concello, o megaporto, a residencia de maiores... por citar algúns? Esas promesas quedarán esquecidas. Deixen de facerse ilusións!