O debate sobre a refundación do BNG trasládase hoxe á comarca

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Beiras escoitará a opinión dos cidadáns, afiliados ou non, en Mondoñedo

02 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Nun intento de abrir á cidadanía o debate para estudar se é necesario refundar o Bloque Nacionalista Galego, o partido Encontro Irmandiño convocou para hoxe un acto co obxectivo de coñecer a opinión de simpatizantes, afiliados e calquera persoa interesada na evolución da agrupación. A outros actos que se celebraron en Galicia súmase a reunión convocada para hoxe no concello de Mondoñedo, un acto que comezará ás 20.30 horas no salón de actos da Casa da Xuventude.

O partido Encontro Irmandiño, integrado no Bloque, leva por título «A necesaria refundación do BNG». Con este acto, os nacionalistas tentan coñecer de primeira man e por boca das bases a opinión sobre a actualidade dun partido que vive inmerso nun proceso de reflexión.

Con este tipo de encontros, abertos a todos os interesados en seguir os procesos de debate do BNG de cara á próxima 13 edición da Asemblea Nacional do Outono -que previsiblemente terá lugar os días 22 e 23 do mes de outubro-, o partido Encontro Irmandiño tamén persegue difundir as súas propostas centradas en explicar e xustificar a necesaria refundación do BNG «para que este volva a ser ese instrumento que Galiza precisa e casa común de todos os nacionalistas».

Ademais da participación doutros dirixentes nacionalistas, ao acto asistirá o voceiro nacional de Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, quen abrirá o turno de intervencións.

Ao longo do acto tamén haberá unha parte dedicada a coloquio-debate entre os asistentes.

Movimiento de alcaldes

O Bloque Nacionalista Galego é un partido en evolución e proba disto é o nacemento dun movemento aínda sen bautizar que lideran varios alcaldes das distintas provincias, bos coñecedores da necesidade de contar con apoio social.

Algúns destes rexedores teñen un amplo apoio cidadán, como demostraron nas últimas eleccións municipais, e son conscientes da importancia de facer cambios de cara a redefinir a política practicando cambios organizativos, xeracionais e de discurso.

Na información publicada en xullo figuraban, entre outros nomes -moitos da provincia de Ourense-, o do mandatario local de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, quen onte optou por non facer nengún tipo de declaracións sobre este asunto por respecto aos seus compañeiros de partido.